Néstor Rego acusa a Madrid de quedar con "entre 4.000 e 5.000 millóns dos impostos" que pagan os galegos

Isto a pesar de que o PP diga "que Cataluña é quen rouba"

Por E.P. | Madrid | 12/08/2024 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia



O secretario xeral da Unión do Pobo Galego (UPG) e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aseverou que "é Madrid, a Administración do Estado a que cada ano queda con entre 4.000 e 5.000 millóns dos impostos" que pagan os galegos pese ao "empeño" do PP en "dicir que é Cataluña quen rouba".

Así o expresou durante a súa intervención este luns no acto en memoria do militante da UPG Moncho Reboiras, morto hai 49 anos a dispaors da Policía durante unha protesta na cidade de Ferrol.

Alí, Rego incidiu en que o 12 de agosto é "unha data fundametal" para o partido que encabeza e o nacionalismo galego porque supón lembrar a figura de Reboiras, cuxo traballo "continúa sendo non só válido, senón absolutamente imprescindible".

"Un traballo de defensa de Galicia, dos intereses da maioría social do noso país, especialmente das clases populares, das clases traballadoras, e o esforzo que realizou para organizar o pobo galego", aseverou o deputado no Congreso, que subliñou a contribución de Reboiras "en construír organizacións políticas, sindicais e sociais propias, como a mellor maneira de que Galicia teña tamén capacidade para ser defendida e ter voz propia, para sacar adiante os seus propios intereses".

ACTUALIDADE

Segundo o secretario xeral da UPG, "a figura de Moncho Reboiras continúa sendo absolutamente necesaria, nun momento no que Galicia ve como os seus recursos continúan sendo expoliados, como no ámbito fiscal ou o roubo no ámbito enerxético".

"O nacionalismo galego temos toda razón para reclamar un modelo de concerto económico que permita que quedemos coa maior parte dos impostos que pagamos", aseverou antes de reclamar un modelo no que Galicia acorde co Estado "que cantidadad debe ir para os servizos comúns".

E é que, para Rego, o actual modelo de financiamento constitúe "un verdadeiro espolio", como, ao seu xuízo, revelan os datos do ano 2021, pechado cunha diferenza de 5.082 millóns de euros entre o que "o Estado reclama a Galicia e o que despois devolve".

Tras censurar os 15 anos de gobernos do PP na Xunta durante os que "non houbo ningunha nova transferencia" de competencias, Rego concluíu a súa intervención cunha apelación a "seguir traballando" para "fortalecer politicamente a Galicia" ata lograr que "teña plena capacidade de decidir por si propia, en función dos seus propios intereses". "Aquí e en todas partes; iso chámase soberanía", apostilou.

O deputado do BNG Néstor Rego comparece ante os medios tras unha reunión, no Congreso dos Deputados, a 22 de xullo de 2024
O deputado do BNG Néstor Rego comparece ante os medios tras unha reunión, no Congreso dos Deputados, a 22 de xullo de 2024 | Fonte: Alberto Ortega - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Moine

Alguém duvida que Galiza só é umha colónia para o saqueio para Madrid. Para eles, o dinheiro; para Nós, a emigraçom.

1 Gamela

Dá gusto volver comprobar a coherencia política da UPG : se o Goberno Central nos rouba 5.000 millóns no ano 2021, nós investimos Presidente no ano 2023 para que nos sigan a roubar outros catro anos... ? Pero botállosme a culpa ao PP que goberna Galicia e por non recibir non recibe nin a transferencia da AP-9 nin a xestión da futura gratuidade da Autoestrada, nin a xestión do litoral (para seguir facendo chalets coma na urbanización Los Cabos en Vigo) Pero Nestor Rego seguirá buscando os votos do PSdG por ver se tamén lle cede Galicia ao PSOE Central ! Todo moi coherente non si...? Cómpre ler este artigo que reclama a Disolución da UPG para avanzar no nacionalismo en Galicia ! http://www.galiciaconfidencial.com/... (e o dí quen ben coñece aos fontaneiros da UPG dende hai moitos anos...)

1 Dende Praga con Amor

https://upg.gal/upg-o-partido-da-pa... Deleitense co programa dos amigos do BNG digo da UPG. Anacronismo do bo. Expropiese, meten medo os amigos estos. Vivir ben e na mais.