Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2024 | Actualizada ás 13:46
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, viaxará esta semana a Bruxelas para abordar, xunto a diferentes autoridades comunitarias, a situación do sector eólico galego. Entre os asuntos a tratar, esixirá ao Tribunal de Xustiza Europeo "criterios claros" á hora de tramitar parques eólicos. Segundo avanzan fontes do departamento autonómico a Europa Press, a conselleira trasladará aos respresentantes comunitarios o compromiso do Goberno galego de "continuar garantindo un modelo eólico ordenado que se desenvolva desde a máxima transparencia e participación" e que, ademais, estea avalado por unha "rigorosa" tramitación ambiental.
Concretamente, Ángeles Vázquez reunirase co director xeral do Servizo Xurídico da Comisión Europea, Daniel Quella, para analizar a cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TSJUE) tras o respaldo do Tribunal Supremo á decisión da Xunta de xestionar simultaneamente procedementos de información pública durante a tramitación dos parques eólicos. Lembran que se aplica así a Lei estatal básica de avaliación ambiental.
O TSXG argumentaba nas sentenzas anulatorias do procedemento que primeiro se tiñan que solicitar os informes sectoriais e, a continuación, trasladarllos á cidadanía. A este respecto, a conselleira incidirá na "urxencia" de que o tribunal europeo estableza "criterios claros" de tramitación e outorgue "seguridade xurídica" a un sector "crave" na protección do medio ambiente e no obxectivo de alcanzar a neutralidade climática "canto antes".
LEI DE ADMINISTRACIÓN AMBIENTAL
Ángeles Vázquez tamén se reunirá co director de Biodiversidade da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Humberto Delgado, a quen trasladará o firme compromiso da Administración galega co desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables que coadxuven á descarbonización. Nesta liña, aproveitará para informar os representantes comunitarios da preparación por parte da Xunta da lei de administración ambiental simplificada, coa que buscan "contribuír á transición cara a un novo modelo produtivo máis sustentable e eficiente".
Esta normativa pretende reforzar a seguridade xurídica dos proxectos para garantir "o imprescindible equilibrio" entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural, así como "unificar e actualizar" a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos. A responsable do departamento autonómico de Medio Ambiente aproveitará a súa estancia na capital belga para establecer contactos e manter máis reunións ao redor destes ámbitos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.