Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/09/2024 | Actualizada ás 15:03
Gran malestar e arrefriamento total das relacións entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Xunta de Galicia. E todo, tras a publicación dun contundente informe por parte do ente cultural galego contra a instalación de Altri en Galicia. Unhas conclusións que non gustaron nada ao presidente da Xunta, ao PP e á empresa portuguesa. "Sorprendeume que entre as actividades do CCG estea facer estes informes e que, ademais, se presenten en rolda de prensa", dixo molesto Alfonso Rueda tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
O informe do CCG afirma que a planta prevista pola empresa portuguesa Greenfiber (Altri) en Palas de Rei "produciría unha fractura no territorio" e "implicaría a destrución completa ou alteración irreversible" dunha zona proposta para entrar na Rede Natura. O documento recolle tamén que a xustificación de declaración de 'Proxecto Industrial estratéxico' (PIE) apóiase en aspectos de carácter económico e asegura que as análises realizadas a partir dos datos do expediente non concordan co anunciado polos promotores.
"Sorprendinme eu e bastante xente. Non sei se iso corresponde ou non ao CCG e se eles teñen liberdade para facer este tipo de proxectos tamén teñen que saber que hai xente que se sorprenda dos informes que fan", indicou Rueda ao ser preguntado ao respecto.
"COINCIDE COS DO NON A TODO"
O presidente galego recoñeceu que non leu todo o informe, "pero si algunha das partes" a través do que se publicou en distintos medios de comunicación. "Non lin todo pero sorprende que coincida cos que din non a todo", dixo en alusión a algúns dos argumentos que defende o BNG. De feito foi máis alá ao suxerir vínculos políticos dos autores do mesmo. "Sobre a calidade ou parcialidade aos que se encargou ese informe e os seus posibles vínculos terá que explicalo quen o fixo", sinalu.
O informe foi elaborado por unha decena de expertos de diferentes ámbitos reunidos polo CCG e presentado o pasado xoves na sede do Consello da man da súa presidenta, Rosario Álvarez; a coordinadora da Comisión técnica temporal creada para a súa elaboración, Teresa Nieto; e o coordinador técnico do informe, Eduardo Corbelle.
POLÍTICA EMPRESARIAL
Por outra banda, Rueda tamén se referiu a insistencia dalgunhas empresas en instalarse en determinados territorios sen ter aínda o visto e prace da Xunta, especialmente, aquelas vinculadas a proxectos estratéxicos, entre elas, Altri ou a mineira de Touro. "A política das empresas é unha e o da Xunta é outra", dixo o presidente galego ao respecto. "Nós imos guiarnos en avaliar as peticións e darlle para adiante. Se non obteñen permiso polas contratacións non se levarían a cabo", engadiu.
Con todo, Rueda tamén destacou o interese de certas empresas por investir en Galicia. "É bo que esa expectativa e que haxa industrias que se instalen en Galicia pois indica que se poida contratar a xente en Galicia. Se cumplen serán autorizadas e senón, non", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.