Galicia participa na iniciativa internacional para restaurar espazos de Rede Natura 2000

O proxecto Life Global conta cun orzamento total de 51 millóns de euros e implicará accións de rexeneración en zonas de especial conservación e protección de aves

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2024 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia participa como un dos socios principais nun proxecto transnacional para impulsar a restauración de áreas Rede Natura 2000 cun valor de conservación no norte da Península Ibérica.

A iniciativa permitirá executar actuacións de rexeneración ambiental por importe de 2,7 millóns de euros en oito espazos galegos: sete zonas de especial conservación (ZEC) e unha zona de especial protección de aves (ZEPA).

Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, na visita á praia de Barrañán, no municipio de Arteixo, e acompañada polo alcalde, José Carlos Calvelo, e o director do Ibader, Pablo Ramil.

Fíxoo ao visitar a zona pertencente á ZEC Costa da Morte, unha das que está previsto actuar dentro do proxecto Life Global, no que tamén participan o norte de Portugal e tres comunidades autónomas: Castela e León, Euskadi e Navarra.

"É pór en valor os espazos naturais e loitar pola biodiversidade", resumiu a conselleira que precisou que os proxectos se están redactando por parte do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) de face a que "en 2025 realizar xa a execución dos traballos".

"O obxectivo é frear as invasoras e propiciar o avance das nosas especies e tamén traballar cos concellos para concienciar ás persoas e seguir propiciando ese turismo de natureza", engadiu. Ademais, sinalou que se incidirá na formación dos axentes que se encargan do control e supervisión.

Ata setembro de 2029, búscase desenvolver unha estratexia que, tendo en conta a perspectiva actual do cambio climático, permita combater as principais ameazas de degradación que afrontan tres especies e dez hábitats prioritarios. A actuación conta cun orzamento de 51 millóns, cofinanciado nun 75% pola Unión Europea e o resto con fondos dos socios beneficiarios.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, visita a praia de Barrañán onde se acometerán actuacións de restauración ambiental. MONCHO FONTES
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, visita a praia de Barrañán onde se acometerán actuacións de restauración ambiental. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta