Por Europa Press / Redacción | Lugo | 19/08/2024 | Actualizada ás 16:27
A Consellería de Sanidade tratará de recaptar ás case 550 persoas vacinadas en Galicia contra a vexiga do mono que contan cunha só dose para que completen a súa pauta de inmunización. Trátase dunha das medidas avanzadas polo departamento de saúde do Goberno galego ante a expansión da nova cepa do mpox, máis coñecido como vexiga do mono.
Nun comunicado no que envía unha mensaxe de "tranquilidade" á poboación galega e aclara que no que vai de ano detectáronse seis casos deste virus, Sanidade avanzou que solicitará ao Ministerio de Sanidade que reforce as tarefas de control e información, especialmente en lugares que reciben a viaxeiros de zonas afectadas pola nova variante. Así o trasladará esta semana nas reunións entre Goberno central e comunidades no marco do Relatorio de Alertas Epidemioleóxicas e da Comisión de Saúde Pública.
O Goberno galego incide na necesidade de que o viaxeiro "dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir".
Así mesmo, os representantes nestes encontros por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tamén demandarán ao Executivo estatal información sobre o número de dose de vacinas contra as vexigas do mono das que dispón Sanidade e se a súa subministración é inmendiato.
CAMPAÑA INFORMATIVA
A nivel galego, a Xunta avanzou a súa intención de intensificar a campaña informativa sobre a vexiga do mono entre profesionais sanitarios e pacientes, así como recaptar a aqueles que unicamente contan cunha dose da vacina contra o virus.
En Galicia recibiron a súa vacina un total de 1.420 persoas, das cales, 549 contan cunha dose e 871 coa pauta completa, segundo os datos facilitados este luns pola Consellería de Sanidade, que, en caso de detectar novos positivos, procederá a secuenciar o caso para identificar o tipo de variante do que se trata. Así mesmo, tamén apunta ao reforzo da vixilancia epidemiolóxica da enfermidade e o seu control e prevención primaria a través da vacinación de contactos estreitos e grupos de risco.
CONTROL DAS FRONTEIRAS
O Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea (UE), que se reuniu este luns ante a emerxencia sanitaria internacional polas vexigas do mono, sinalou que "non se recomenda" o control nas fronteiras pola expansión da vexiga do mono xa que o risco na UE aínda é "baixo". Ante a nova alerta sanitaria internacional da Organización Mundial da Saúde (OMS) polos novos brotes de vexiga do mono en África e outros países, o director xeral de saúde pública, Pedro Gullón, participou esta mañá na reunión do Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea (UE), que concluíu con recomendacións moi similares ás emitidas previamente pola OMS e o ECDC.
Así, considérase que o risco de que haxa probabilidade dunha extensión do mpox a poboación xeral da UE é actualmente "baixo", aínda que aumenta en poboacións con contacto estreito con casos diagnosticados e en persoas especialmente vulnerables, e "non se descarta a aparición de máis casos novos importados na UE".
A comisaria europea de Saúde, Stella Kyriakides, defendeu que a UE teña un enfoque coordinado ante o fenómeno. "É esencial para previr potenciais brotes de mpox", indicou nunha mensaxe en redes sociais tras a reunión. "O Comité de Seguridade Sanitaria da UE reuniuse hoxe para debater a preparación e o camiño a seguir para protexer aos nosos cidadáns", engadiu.
A cita deste luns reuniu por vía telemática a expertos nacionais da UE con membros da Organización Mundial da Saúde (OMS), o Centro Europeo para a Prevención de Enfermidades (ECDC), así como a rama africana do CDC e a Axencia Europea do Medicamento (EMA).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.