Tone Gómez-Reino: “O 20D comeza un novo ciclo. A ver se o BNG se quere sumar”

Antón Gómez-Reino é o cabeza de lista de En Marea pola Coruña. Destacado militante de Podemos, Tone, ten claro que estes comicios supoñen un antes e un despois para a “vella política”. Está convencido que tanto as mareas como Podemos van encabezar un novo ciclo político no que espera que estean outras forzas como o BNG.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 17/12/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Estamos convencidos de que o 20D comeza un novo ciclo. E temos que continuar logo coas confluencias e ver se, de cara ao futuro, o BNG se quere sumar”. É a opinión de Tone Gómez-Reino, que está convencido de que haberá cambio o vindeiro domingo  e que, nese cambio, tanto Podemos como as mareas terán mellores resultados que o PSOE.

Tone, Antón Gómez-Reino, candidato de En Marea ao Congreso
Tone, Antón Gómez-Reino, candidato de En Marea ao Congreso | Fonte: enmarea.gal

“Imos ser o motor do cambio e penso que é posible que iso sexa así e que tamén haxa un espazo galego de confluencia que vaia a Madrid, e non só a levar a voz da cidadanía galega, senón para axudar a un cambio de goberno no Estado”, sinala. Tamén destaca que, para que haxa ese cambio, é necesario que o PSOE “se defina” para “saber se quere seguir sendo parte do problema ou quere solucionalo”.

Andades a todo correr nesta campaña. Semella que vos vai ben?
A verdade é que eu, persoalmente, lévoa moi ben e tamén vai políticamente ben. Enchemos nos mítines de Vigo e a Coruña.

Se presumes de encher mítines e que ves a cousa ben?
Si, hai esa sensación do 24 de maio. A xente dá pasos adiante para apoiar políticamente estes novos espazos políticos que xurdiron das mareas. A cousa vai ben e quedan aínda uns días para darlle, aínda, máis forza.

Pero no voso caso non hai un mitin central. Facedes varios en varios sitios. E iso?
Esa é filosofía marea. Temos unha base fundamental nas cidades pero tamén temos que estar nas zonas non urbanas do país como Lalín, Betanzos. A idea é percorrer todo país e levar a mensaxe de En Marea para construír un novo país.

Tone Gómez-Reino, con Pablo Iglesias  Xulio Ferreiro, Yolanda Iglesias e outros dirixentes de En Marea na Coruña
Tone Gómez-Reino, con Pablo Iglesias Xulio Ferreiro, Yolanda Iglesias e outros dirixentes de En Marea na Coruña | Fonte: enmarea.gal

Con todo, empezáchedes tarde a campaña...
É certo, porque estivemos á espera da construción de espazos colectivos máis amplos. Neste espazo somos tres organizacións, e tamén hai mareas e, por iso, o acople inicial demorou un pouco máis de tempo. Pero agora imos con toda a forza do mundo e vexo que a participación é moi ampla e mestiza.

É como é posible unificar a sensibilidades tan diferentes?
Iso nace da sociedade. Todos nos atopamos nas rúas, cidades, bares ou cos amigos. E onde hai un compoñente humano é máis fácil construír políticamente. Agora dáse ese compomente humano para construír espazos onde a xente estea cómoda e iso é porque hai un momento histórico no que se priman intereses colectivos e non individuais.

E por que non foi posible esa gran coalición coa outra parte do nacionalismo?
Nós queríamos reeditar as mareas do 24M. Antes as portas estaban abertas tamén, pero o BNG non quixo entrar e tampouco o fixo agora onde as mareas gobernan. Por iso queriamos repetir ese espazo, tamén sumando novas forzas, pero o BNG abriu outro espazo lexítimo e agora cada quen vai polo seu camiño

E non cres que iso pódevos restar votos ás dúas listas?
Nós poñemos unha proposta moi ampla e moi transversal. Nas mareas se soubo visualizar ese gran espazo. E esta é a nosa referencia, a que todos se poidan sumar, porque estamos convencidos de que o 20D comeza un novo ciclo. E temos que continuar logo coas confluencias e ver se, de cara ao futuro, o BNG se quere sumar

E iso vai depender dos resultados do 20D?
Dependerá da análise que cada quen fará despois. Nós estamos no camiño correcto. E todas estas sensibilidades compartirmos un punto de vista común, a pesar das nosas diferencias. E poñemos enriba da mesa o que a xente nos pide na rúa porque saben cal é o inimigo.

E porque esa mesma unidade deuse aquí, en Valencia ou en Cataluña, pero non en Madrid?
Non o sei especificamente. Pero demóstrase que nos lugares onde hai unha dinámica política propia como Galicia, Cataluña ou Pais Valenciá creouse un espazo mestizo que non pasou noutros sitios do Estado. En todo caso, esa pregunta deberían contestala as organizacións que non chegaron a un acordo.

Supoño que serán Podemos e IU?
Si, as dúas.

Quedan uns días de campaña e as enquisas son dispares. Unhas danvos grupo parlamentario e outras  moito menos...
Somos moi precavidos coas enquisas . Nós só traballamos polo país e polo que digan os cidadáns o 20D. Vemos que aquí e noutras partes do Estado pouco a pouco se van acumulando enerxías e hai moita xente que se suma ao noso proxectos. Pensamos que no 20D imos dar a sorpresa.

Que sorpresa?
Pois que este espazo de confluencia aquí, e o doutras zonas do Estado, van emerxer para darlle un cambio importante á política.

Estásme falando de que ides ter mellor resultado que o PSOE?
Pois imos a por iso. Imos ser o motor do cambio e penso que é posible que iso sexa así e que tamén haxa un espazo galego de confluencia que vaia a Madrid, e non só a levar a voz da cidadanía galega, senón para axudar a un cambio de goberno no Estado.

E cal vai ser a dinámica dese espazo galego se chega a ter grupo parlamentaria propio. Actuará para Galicia ou para Madrid?
Nós poñemos á cidadanía galega por diante de todo. Temos que actuar sempre consensuados e en común. Tamén cremos que vai a haber un grupo catalá, valenciá e outro no Estado e, por iso, non vai a haber problemas en votar un cambio en todas as medidas lexislativas que están danando ás clases traballadoras. E nas que teñan que ver co noso país pois o centro serán os intereses e as demandas da cidadanía galega.

Falando destes intereses cales son nesta campaña?
Pois tres eixos fundamentais; o Estado da democracia. Por iso, é importante recuperala e abrir as institucións do Estado á participación cidadán e logo limpalas de corrupción. Como segundo eixo está rescatar ás persoas, sobre todo as que máis sufriron coa crise, e en terceiro lugar, dar un xiro de 180 grados á economía para que non estea ao servizos da clase privilexiada. Tamén aspiramos a abrir unha discusión sobre procesos constituíntes e discutir sobre o encaixe da cidadanía galega e a doutras partes no conxunto do Estado.

Falas de cambio pero todo semella que ese cambio vai ser sen maioría absoluta. A quen lle vai dar o apoio a marea galega e Podemos?
O importante é aspirar a gobernar no Estado e En Marea vai cooperar con todos os actores que están por un cambio político e social como xa dixo Ada Colau. Con pactos aspiramos a que En Marea e outros actores políticos teñan a capacidade de estar por riba de calquera forza que non sexa o PP.

E senón é así?
Pois analizar ese contexto e poñelo enriba da mesa. Esta é unha ferramenta ao servizo da cidadanía galega e por iso haberá mecanismos para que a cidanía galega se pronuncie. Nós cremos claramente que o PSOE ten que definirse para saber se quere seguir sendo parte do problema ou quere solucionalo.

E como cres que o pode solucionar?
Pois con políticas impulsadas para os cidadáns como piden Podemos e as candidaturas cidadáns. Nós aspiramos a ser un espazo maioritario e outros terán que definirse; ou quere continuar sendo a nivel lexislativo e político como o PP, con corrupción e austeridade ou entran nas dinámicas do cambio.

Que opinas de Ciudadanos. Cres que subirá tan espectacularmente como prognostican as enquisas?
Haberá que ver o que pasa o 20D pero é a mesma cara do que xa tiñamos. A súa vinculación coa Fundación FAES é claro e evidente. É un proxecto político sen engarce social, nin vai para o tecido social. É máis do mesmo e por iso é o novo mecanismo que as elites están privilexiando porque ven que os espazos de cambio están collendo moita forza e queren garantir ter tamén un espazo de recambio se os electores non apostan polos partidos tradicionais.

Como ves a Beiras nesta campaña electoral?
Pois moi ben. Compartimos actos. É unha marabilla partillar espazo con el. Está motivado e participa nun montón de actos e aposta por este proceso. É un paso máis da engranaxe para que nesta lexislatura que se abre logo do 20D  cambien moitas cousas. E, nese sentido, Beiras comprende o momento histórico e xa o adiantou desde hai tempo e actúa en consecuencia.

Por que non vai o líder de Podemos en Galicia nos primeiros postos da lista?
Breogán ten un papel que é o que decidiu ter que ten que ver con fornecer e construír e darlle percorrido a Podemos en Galicia. E está facendo o papel que é o que lle toca facer que é fundamental neste proceso. Ademais participa en actos de En Marea e é todo un referente.

E que pasou para que xente importante de Vigo, de Ferrol ou doutras zonas de Galicia deixara a túa formación?
Iso pon enriba da mesa que Podemos non esconde as súas diferencias e, sobre todo, non actúa como outras forzas que ocultan e esmagan a quen pensa de xeito diferente. Por iso, a xente que non concordaba co proxecto de Podemos pois ten toda a lexitimidade de facer o que considere máis oportuno. En todo caso, agora o prioritario é construír un espazo común para todos.

E non terá que ver con que as decisións que se toman son de arriba a abaixo, cando sempre se dixo que eran os de abaixo que decidían?
A toma de decisión na novas formacións son complexas pero, evidentemente, estase facendo con pasos democráticos, tanto en Podemos coma noutros espazos novos. Son pasos que hai que dar e nada teñen que ver con imposicións, senón con determinadas perspectivas de procesos de confluencia, e hai que tomar todo isto con naturalidade

Xa para rematar. Tes algunha quiniela electoral feita?
Non son de quinielas. O meu avó si que xogaba moito. Pero creo que claramente logo do 20D o espazo de En marea vai ser o espazo de referencia das políicas contra o PP en Galicia. E no Estado, fronte ao desánimo alimentado por moitos medios e poderes políticos, pois haberá unha sorpresa liderada polas alianzas fraternas de Galicia, Cataluña, País Valenciá e Podemos.

Yolanda Díaz e Tone Gómez-Reino durante un acto da campaña das xerais
Yolanda Díaz e Tone Gómez-Reino durante un acto da campaña das xerais | Fonte: twitter Tone Gómez-Reino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 29 comentarios

21 calabadexo

o que moita xente non sabe é que este é un neno ben de la "casta" familia Gómez-Reino, altos cargos, diplomacia, etc....deso ninguén fala, qué enganada está a xentiña con estes que non son máis son que un departamento de universidade...

20 Alberte

Os maiores e outros non tan maiores votaremos a NÓS e os televidentes votarán a EN MAREA. Uns votarán en conciencia e outros o que diga a tele. A cuestión é quen durmirá máis tranquilo. Os que voten en conciencia ou o que digan na tele? Outra cousa que creo importante salientar: Depois destas escisións etc do nacionalismo galego vai resultar (atentos navegantes do nacionalismo galego) que os que non eramos "radicais" e outros adexectivos pexorativos de moita masa nacionalista, agora imos cos nosos. E os que ían de "galegos 100%" vai resultar que son os máis vendidos da historia do país. A partires de agora eu tenho moi claro que cando alguén nos diga ou me diga que hai que ser puro 100%, voulhe dar unha labazada que lhe vou romper a crisma. Até o caralho de puristas que depois son os máis vendidos!

1 Alberte

Xa sei que me dirán algúns líderes do aparato. Que si a estratexia, que si non temos forza, que si moitas cousas máis das que eu e moitos máis non nos enteramos porque non formamos parte dos grandes "líderes políticos". Pois xa ves. Eu son da rúa. E tenho que trabalhar. Non pode estar todo o día filosofando e facendo estratexias que só entenden uns poucos iluminados. E ós demais que non dean! Pois eu só tenho clara unha cousa. Vou cos meus. E máis nada. E vós cos que tenhen unha tele de 50 pulgadas. Esa é a estratexia? Caralho para a estratexia, que profunda estratexia! Quédome abraiado con esta xente tan intelixente! Sodes superiores a mín! Canto sabedes!

19 Comunista

Nós-CaGa (BNG + dereita autonomista) fixo unha campaña en clave anti-Marea facéndolle o traballo suxo a PP e PsoE. Saen a empatar ou a non perder de goleada, coa tradicional actitude vitimista do BNG por bandeira. En Marea (Anova, Podemos, EU + mareas municipais) fixo unha campaña en positivo, ignorando a Nós-CaGa e desputándoa contra PP e PsoE. Saen a gañar Galiza para o pobo galego. Estas diferenzas nótanse e rematarán por ser decisivas. Hai Marea.

18 Ana

Ante a posibilidade (cada vez mais posible) dun goberno PPSOE despois do 20D hai que concentrar o voto en En Marea. Se o bipartidismo se une para defender o rexime e os intereses da oligarquia, a cidadania ten que facer o mesmo votando a forzas con opcion de gobernar coma Podemos (En Marea). Neste momento Podemos esta a pouco de ser segunda forza segundo as enquisas.

17 Elefantiasis

Se IU estivese medio ben os daquí xa estarían expulsados por tránsfugas que é o que son. Vamos como se o PP de Catalunya se incluise na candidatura de C's. Que vos credes que farían con eles? Pero dignidade quédalles pouca desde logo. Claro que apañar unha deputadiña cos seus 20.000 votos en todo Galicia está moi ben...