Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2024 | Actualizada ás 12:19
Un total de 1.256 novos docentes incorpóranse en setembro aos centros educativos galegos tras aprobar as oposicións celebradas este verán pola Xunta de Galicia. Tal e como explican nun comunicado, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución definitiva do proceso, así como os primeiros destinos das persoas que obtiveron praza de novo infreso no sistema para o novo curso 2024-2025.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou a todos os novos docentes "pola súa incorporación á educación pública galega tras un proceso moi esixente, ao que tiveron que dedicar moito esforzo e que agora ven recompensado".
O proceso mobilizou a máis de 20.000 opositores, ademais de 975 persoas que formaron parte dos 195 tribunais distribuídos por sedes en 15 localidades galegas, máis de 2.700 se se contan tamén os tribunais suplentes.
As prazas de novo ingreso distribúense entre catro corpos docentes: 690 para profesores de educación secundaria, 474 para mestres, 67 para profesores especialistas en sectores singulares de FP e 25 para escolas oficiais de idiomas.
Delas, 22 corresponden a persoas con discapacidade: 11 no corpo de profesores de secundaria, nove no de mestres e dous no de profesores especialistas en sectores singulares de Formación Profesional.
Entre as prazas asignadas, atópanse as 1.234 persoas que superaron as oposicións deste verán pola quenda libre, o que supón unha cobertura de case o 88% das prazas ofertadas nesta quenda.
Ademais, asignáronse 22 prazas de novo ingreso para a cota de discapacidade, cubrindo case o 21% das prazas convocadas nesta tipoloxía. No comunicado recalcan que a Xunta convocou para as oposicións deste ano un total de 1.743 prazas, co obxectivo de avanzar na estabilidade e renovación do profesorado.
Delas, un total de 1.512 -- a maioría --, foron de novo ingreso. As 231 prazas restantes foron para que funcionarios accedan ao corpo de profesores de educación secundaria ou ao de inspectores de educación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.