Por Galicia Confidencial | Ferrol | 13/12/2015 | Actualizada ás 18:06
Ao redor de 5.000 persoas, segundo narra Raúl Salgado en Ferrol360, acudiron á manifestación organizada polos principais sindicatos ( UXT, CCOO e CIG) en Ferrol. Os operarios aproveitan a campaña electoral para esixir futuro para Navantia, empresa que depende do Estado.
Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, criticou aos políticos e dixo que «xa estamos fartos de fume en campaña», en referencia as promesas de carga de traballo.Galán lembrou que miles de traballadores galegos perderon o emprego no naval nestes anos. Na súa opinión, o anuncio de Navantia de que rematara a crise é falso.
O xornalista Nicolás Vidal, ex-redactor de Diario de Ferrol, leou o manifesto do evento. Todas as grandes forzas da oposición estiveron presentes. Francisco Jorquera (BNG), Beatriz Sestayo (PSOE) e o alcalde Jorge Suárez (de EU e a marea Ferrol en Común) sumáronse á marcha.
Nunha mostra de solidariedade proletaria con poucos ou ningún precedente na historia recente do país, a protesta contou co apoio de traballadores do agro. Varios tractores dos gandeiros do leite secundaron a marcha dos operarios industriais.
O alcalde Suárez lembrou que a penas un milleiro de operarios quedan en Navantia. Na súa opinión, cómpre xa dotar os estaleiros cun dique flotante para garantir a carga de traballo.
A marcha percorreu Ferrol sen incidentes entre a Praza do Inferniño e a Praza de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.