Por Manuel Vilas | Ribeira | 15/12/2015 | Actualizada ás 08:00
Carlos Callón Torres, (Ribeira 1978) foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Licenciado en filoloxías galega e portuguesa, traballa de profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario. Publicou varios ensaios sobre a situación do galego en Xerais.
Vencellado ano nacionalismo dende mozo, foi concelleiro Bloque na súa vila natal durante ano e medio e en 2015 presentouse, e gañou, as primarias da Coruña de Nós Candidatura Galega. Entrevístámolo vía telefónica, entre mitin e mitin dunha apretada axenda.
Como valora as enquisas publicadas até o de agora? Case ningunha dálle deputados a Nós ...
As enquisas están para superalas. Imos xogar até o último minuto de desconto, con estusiasmo e con enerxía.
A do CIS é a de maior mostra e tampouco ...
A enquisa do CIS ten un problema metodolóxico serio porque non preguntou por Nós Candidatura Galega, que aínda se estaba a configurar e, de feito, eu non era aínda candidato cando fixeron o traballo de campo. Nese sentido é un pouco entraño. É unha foto fixa de hai máis dun mes.
Case todas as enquisas dánlle a Ciudadanos unha importante subida, aínda que hai discrepancia sobre esa suba no país. Non indica iso que na sociedade se consolida o discurso a prol da unidade do Estado?
O que indica é o esforzo feroz dos grupo mediáticos para substituír o bipartidismo reinante, por un bipartidismo por dous ou ao cadrado. O que se lle intenta transmitir á xente é que só pode escoller entre catro.
Fala do papel dos medios. Síntese mal tratados polos medios de comunicación, en concreto en Galicia?
Eu centraríame na falta de igualdade de oportunidades a nivel dos medios do Estado español Que veña alguén e nos explique porque razón unha forza política que leva 20 anos no Congreso non tivo nin un só minuto de anuncios nin en prime time, e outras forzas que non teñen representación non é que teñan só presenza diaria nos informativos, parece que viven xa nos ‘platós’ de televisión. Non é democrático que forzas como o nacionalismo galego non reciban o mesmo trato, aínda que nós non desanimamos fronte a unha democracia teledirixida.
A situación a pé de rúa difire do que transmiten os medios. Como percibe por exemplo como están indo os seus mitins?
A asistencia aos mitins véxoa moi ben. Como digo eu a miúdo, eles teñen “El Hormiguero” nos temos as formiguiñas, xente que traballa a pé de rúa e que leva tempo a actuar para difundir as nosas propostas. E claro, isto nótase nas asistencias ao mitins. Por exemplo, hai concellos nos que me sorprendo de só hai carteis de campaña pendurados de Nós Candidatura Galega, e non se contratou ningunha empresa para facelo, son militantes e simpatizantes. En definitiva, a resposta na rúa é moi positiva, ademais da campaña nas redes
Ao fío das redes. Houbo bastantes comentarios sobre o seu vídeo facendo un monólogo canda unha cachucha ...
Todo o mundo sabe que o se fixo foi unha parodia de Hamlet. O que se pretende é transmitir, con sentido de humor, que pasaría se Galiza non estivese no congreso; e eu penso que esa mensaxe se lanzou moi ben. O vídeo recibiu moitos comentarios e, aínda que un sempre está aberto a critica por suposto, a maioría a favor. Incluso saíu nos medios a nivel estatal.
Moita da audiencia de GC pode estar arestora dubidando se votar a Nós Candidatura Galega ou a En Marea, dado que se presentan en coordenadas ideolóxicas próximas e de feito estiveron a negociar até hai nada unha lista común. Que lle diría a esa xente para que aposten por Nós?
Dúas cousas. Nós é unha opción coherente e de esquerdas, que non muda o programa electoral a golpe de sondaxe. Somos a única candidatura que dicimos alto e claro “OTAN non”, por exemplo; ou que defende unha rede publica de ensino en galego. Outra cousa diríalles que ninguén defenderá a Galicia coma Nós porque somos os únicos que non van ter ningún tipo de límite en defender o pais. Nin Pablo Iglesias nin ninguén nos vai dicir a nivel de estado como defender a Galicia.
Vistas as enquisas, é probábel que ninguén logre maioría absoluta. De ser necesario para evitar que repita o PP, pensarían se empregar os votos de Nós Candidatura Galega para investir a un candidato do PSOE, como sucedeu en moitas institucións cos votos do BNG?
Temos clarísima unha cousa. Nós Candidatura Galega non vai permitir que goberne nin a nova nin a vella dereita, nin a vella do pp nin a nova de Ciudadanos. Para nós é fundamental botar a Rajoy, non podemos manter este goberno de vampiros, que o Goberno estea no castelo de Drácula. Para as outras formacións non temos un cheque en branco, con Nós hai que negociar unha política de esquerdas coherente (en servizos como a sanidade ou o ensino) e despois: Galiza, Galiza, Galiza e Galiza. Imos poñer os problemas de Galiza enriba da mesa, non poden seguir a roubar a tarifa eléctrica a cambio de nada cando hai 180.000 a galegos que non poden pagar a luz, por exemplo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.