Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/08/2024 | Actualizada ás 17:00
Os últimos días de agosto chegan acompañados de calor intensa en gran parte do Estado. Con todo, a mediados de semana unha DANA podería deixar tormentas intensas en varias comunidades. Así o adianta Samuel Biener, experto de Meteored, na primeira previsión de setembro, primeiro mes do outono climatolóxico.
Segundo o modelo de referencia en Meteored, as temperaturas poderanse situar entre 1 e 3 ºC por encima da media desta época en gran parte da Península e Baleares. Estes mesmos mapas mostran que do 9 ao 16 de setembro as temperaturas roldarán os valores medios das datas, e mesmo con anomalías térmicas negativas en zonas do interior peninsular, pero todo apunta a que será un período fresco bastante illado.
"É importante destacar que setembro é un mes extremadamente complexo para facer previsións a longo prazo en canto ás precipitacións", indica. Durante a primeira quincena, as choivas poden situarse por encima da media en case toda a Península, agás en Galicia e a vertente cantábrica. En zonas da Comunidade Valenciana, Baleares e Cataluña as fortes tormentas poderían ser destacables. Para a segunda parte do mes, a priori non se intúen anomalías significativas en ningunha zona da Península nin en ambos os arquipélagos.
Parece que o chorro polar presentará meandros máis pronunciados, e podería configurarse un patrón de bloqueo, con posibles ascensos da dorsal anticiclónica, o que pode favorecer descolgues de aire frío ou algunha DANA. Unha situación que por outra banda é bastante frecuente nesta época.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.