Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 28/08/2024 | Actualizada ás 10:42
O presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, faleceu este mércores, segundo confirma o propio medio de comunicación. De 85 anos, morreu a consecuencia dunha enfermidade que lle provocou unha deterioración rápida da saúde nos últimos días, precisa tras o seu falecemento.
Nas próximas horas, os seus restos mortais serán velados no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, situado no polígono de Sabón, en Arteixo e onde se entregan os premios deste mesmo nome, que el mesmo presidiu nos últimos anos.
Nacido na Coruña o 31 de agosto de 1938, Santiago Rey, neto do fundador do xornal, Juan Fernández Latorre, accedeu ao ámbito empresarial en 1961 para, dous anos despois, asumir a xerencia coa presidencia, nese momento, do seu pai Emilio Rey Romero, e desenvolver posteriormente unha dilatada traxectoria á fronte deste medio de comunicación.
PROBLEMAS
O Grupo Voz é o principal medio de comunicación de Galicia. Conta cun xornal escrito, a súa división dixital, unha radio, unha produtora audiovisual e Sondaxe, unha empresa demoscópica, entre outros activos. O seu control do mercado da comunicación e da publicidade en Galicia é case total, coa única excepción do sur da provincia de Pontevedra e partes das provincias de Ourense e Lugo.
Tras a morte de Santiago Rey ábrese unha grande incógnita; cal vai ser o futuro deste emporio empresarial?. E é que o Grupo Voz inflúe en gobernos e institucións de todas as cores políticas e, nos últimos tempos, ten moi boas relacións cos gobernos do PP, primeiro de Feijóo e, actualmente, de Alfonso Rueda.
Non é a primeira vez que o Grupo Voz vive tempos convulsos. En 1993 deixou a primeira fila de xestión do grupo empresarial en mans do seu fillo Emilio Rey Berguer, pero en 2001 destituíuno e recuperou o control da liña empresarial e da toma de decisións, tras unha saída abrupta do seu vástago co que, desde entón, leva enemistado.
Desde entón, Santiago Rey manexou con man férrea todo o negocio familiar. Inaugurou unha fundación que leva o seu nome (2001), un museo do xornal que tamén leva o seu nome (1998), e uns premios que levan o seu nome.
FUTURO
"El maestro de periodistas y una de las personas más relevantes de la sociedad gallega y española estuvo acompañado en sus últimos momentos por su esposa, Salomé Fernández-San Julián Martínez, y por su equipo de colaboradores más íntimos", recolle o xornal La Voz sobre o seu falecemento. Precisamente, neste grupo de "colaboradores máis íntimos" e na fundación Santiago Rey Fernández-Latorre pode estar a solución ao complicado futuro de todo o grupo Voz.
Segundo fontes consultadas por GC, nos últimos tempos, e tras os grandes problemas de saúde do falecido --leva case dous anos afastado da vida pública por problemas de saúde--, o seu equipo de colaboradores máis cercanos, todos eles vinculados á fundación, comezaron a deseñar o futuro do grupo Voz sen Santiago Rey.
Este futuro de todo o grupo voz pasaría pola fundación que leva o seu nome. O xornal e todas as empresas vinculadas pasarían a ser controladas por este órgano do que, na actualidade, forman parte todas as "familias" do grupo. De feito, a finais de xuño deste ano, e prevendo xa o falecemento do editor, a fundación incorporou como patrono a un dos grandes nomes que quedaban por incluír, o do director do xornal, Luis Vilela, quen, nos últimos tempos, estivo enfrontado ao grupo controlado polo director xeral, Lois Blanco.
A FUNDACIÓN
Segundo as fontes consultadas, esta diferencias entre estas "familias" terían ido a menos, precisamente, buscando o interese común de todas elas; salvagardar o futuro do grupo Voz e evitar que volva caer en mans de parte da familia, concretamente, de Emilio Rey, fillo do falecido. Este volveu ao mundo da comunicación hai uns anos mercando o 50% das accións do grupo de Economía Digital Galicia.
Deste xeito, o padroado da fundación quedaría composto, ademais de por Vilela, por Roberto Blanco Valdés, vicepresidente; Manuel Areán Lalín, secretario; e os patróns Salomé Fernández-San Julián Martínez, José Arnau Sierra, Lois Blanco Penas, José Luis Vázquez Mariño, Luciano Vidán e José Francisco Sánchez Sánchez, director. A función de presidente, que ata agora mantiña Santiago Rey, podería recaer, agora, na súa viúva, Salomé Fernández.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.