Remata agosto e hai que festexalo por todo o alto, aquí unha proposta de festas que non podes perder

Celebracións de recreación histórica, coa verbena como protagonista e gastronómicas polo territorio galego.

Por Amanda Fernández | Lugo | 30/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

En Galicia ao verán xa lle queda pouco, pero a troula non cesa e continúa habendo moitas propostas de lecer por toda a xeografía. Estamos na última fin de semana deste agosto, un dos meses sinalados no calendario pola cantidade de festas de diferente índole que hai. O Galicia Confidencial faiche unha proposta na que inclúe dúas celebracións de recreación histórica con viaxe ao pasado; unha gastrómica e outra de barrio coa verbena como protagonista. A cal non vas faltar? Cales sumarías a esta proposta? 

O desfile da festa da Istoria de Ribadavia
O desfile da festa da Istoria de Ribadavia | Fonte: Festa da Istoria de Ribadavia

A FESTA DA ISTORIA DE RIBADAVIA 

A vila ourensá de Ribadavia festexa cada último sábado de agosto, a Festa da Istoria, declarada de Interese Turístico Nacional. Propón unha viaxe ao medievo durante tres días onde gozar de recreacións histórica, música, bo comer e espectáculos.

Deu comezo xa este venres día 30, pero ten como prato forte o sábado 31. Ás 10:30h abre o Mercado Medieval, situado na Alameda e prazas do centro histórico; ás 11:00h ten lugar o Gran Desfile da Istoria, que partirá da rúa Baixada ao Consello ata o Castelo; as 11:45h será o pregón seguido da abertura das portas do castelo con oficios de época, armas de asedio, animación, talleres, teatro..; ás 12:30h darase o Baile Medieval de donas con cabaleiros; xa pola tarde hai múltiples actividades desde cetraría, carreira de pipotes a concurso de vestimenta medieval; e xa ás 22:00h hai o Espectáculo de Acrobacias e Lume e o concerto Folk ás 23:00h. O domingo 31 hai un mercado artesanal e animación durante todo o día. Podes consultar aquí a programación completa. Tes traxe para viaxar á Idade Media? 

FESTA NORMANDA EN FOZ

Para os amantes das citas de Recuperación da Memoria Histórica, non poden perder a Festa Normanda na vila mariñá de Foz. Un evento no que vivir unha experiencia cultural única mesturada con entretemento e troula. Presenta unha viaxe no tempo ata á invasión vikinga que intentou asediar o lugar. É habitual escoitar diferentes acentos deses turistas que aínda se atopan na vila e quedan para desfrutar da variedade de actividades e espectáculos.

O máis representativo é a recreación que se fai na praia de Tupide do Desembarco Normando, que ten lugar o sábado 31 ás 13:30h. O programa vai desde o 29 de agosto ao 1 de setembro. O sábado, desde ás 11:00h estará aberto o mercado e poderase ver o campamento coas tropas normandas preparadas para o combate que comezará a partir das 13:00h. Xa pola tarde haberá xogos populares para os cativos e música con diferentes pasarúas; e pola noite, ás 23:30h o funeral normando e espectáculo de malabares con lume na praia de Tupide. O domingo 31 hai o desembarco infantil e festa da espuma. 

FESTA DA ANGUÍA EN VALGA

Non podía faltar un festexo onde poder comer e marchar co bandullo cheo. O produto neste caso é un peixe exquisito do río Ulla: a Festa da Anguía e a Mostra de Caña do País de Valga, que se celebra desde o 1989. A celebración caracterízase polas numerosas maneiras de degustalo, ben en empanada, frito, guisado con patacas, rebozado, con arroz ou en escabeche. E non só hai para comer, senón que hai unha mostra dos augardentes que se elaboran na zona, e un concurso: branco, tostado ou de herbas? 

A celebración vai do xoves 29 ao 1 de setembro, porén o día grande é o sábado 31, que comeza ás 12:00h coa degustación de tapas de anguía nos locais de hostalaría; pola tarde haberá unha festa infantil; ás 17:00h encenderánse as potas para a demostración do destilado tradicional de augardente; ás 20:30h procederase á entrega de premios dos concursos; e ás 21:30h o momento agardado da degustación de tapas de anguía e cocteis feitos con caña do país. Pola noite hai verbena coa orquesta Marbella e queimada popular ás 00:00h. 

FESTA DO BARRIO DA MILAGROSA EN LUGO

E para os amantes da verbena e da música para bailar, hai unha cita coas festas de A Milagrosa en Lugo cidade. Comezaron xa este xoves 29 coas actuacións da charanga Louband pola tarde e coa verbena a cargo da orquestra El Combo Dominicano. Xa o este venres contan co grupo Beatriz, procedente de Asturias, co que bailar toda a noite. Porén, moitos agardan ao sábado 31 onde haberá sesión vermú co grupo Punto Clave, torneo de fútbol, exhibición gravitty e torneo de xadrez. 

Pola noite repetirá Punto Clave e chega o Grupo Extra, procedentes da República Dominicana e afincados en Suiza, é unha popular formación de bachata. Moitos dos seus éxitos sonaranche porque están versionados por diferentes orquestras galegas, tales como "A través del vaso", "Hoy se bebe", "Me emborracharé", "Lejos de ti", "Te vas" ou "Besos a Escondidas". Así que se te pasas pola Milagrosa poderás disfrutar da versión orixinal e dar os tres pasos famosos durante toda a noite. Un, dous, tres, arriba! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta