Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/09/2024 | Actualizada ás 20:40
Os bonsáis son un 'hobby' que creceu durante os últimos anos a nivel mundial, pero tamén na comunidade galega. Coñecer as especies propicias para realizar cada creación, as macetas que as fan resaltar, os coidados que se lles deben proporcionar, as maneiras e os tempos de poda... Son cousas que non resultan sinxelas e que convirten a esta paixón nunha verdadeira arte. Arte que está en continua transformación e que vai mudando constantemente, pois non hai que esquecer que as árbores son seres vivos e, como tal, evolucionan. Agora ben, sabías que en Galicia se atopa un dos maiores viveiros de bonsáis de España? Rexéntao Alberto Baleato, un mozo da zona do Val do Dubra que leva máis de media vida adicándose a esta tradicional arte xaponesa, chegando ao punto de facerse cunha boa colección de exemplares tanto propios como para a venda, así como de macetas de todos os tipos habidos e por haber. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, achegámonos á súa tenda, Kingii, para falar con el.
Alberto chancea con que "sempre fun un pouco 'friki' e nunca fun o típico neno ao que lle gustaban as motos ou o fútbol, os meus 'hobbies' adoitaban ser máis raros: fun taxidermista, cetreiro, coleccionista de fósiles...". Pero asegura que, dentro desas paixóns un tanto diferentes ás convencionais, "sempre me chamaron a atención os bonsáis". Sen embargo, non se animaba a dar o paso porque non sabía ben como podía facelos. Todo cambiou cando un día a un dos seus amigos lle agasallaron cun libro, 'El libro del Bonsái', de Dan Barton, toda unha referencia para os coleccionistas. "Chamoume para que o vise e comezamos a facer algúns así por parvada: fomos a un viveiro, mercamos unhas árboriñas e puxémonos a experimentar e argallar", lembra aínda emocionado Alberto. E non é para menos, pois dese momento xa pasaron máis de 20 anos, e el aquí segue, aprendendo cada día sobre a paixón que máis o enganchou na súa vida. Quen lle ía dicir a aquel neno que acabaría con semellante colección e sendo unha referencia no mundo do bonsái a nivel estatal?
Entrando en materia, o primeiro que se debe saber dos bonsáis é a súa definición. Que é realmente un bonsái? Trátase unicamente dunha árbore de dimensións reducidas? Pois non, a cousa vai máis aló. Alberto explica que, "no sentido máis literal da palabra xaponesa, a tradución sería 'árbore en maceta', pero, evidentemente, non todas as árbores que se plantan nunha maceta son bonsáis". Realmente "hai unhas técnicas e uns criterios estéticos que definen aos bonsáis, e que pasan non só polo tipo de árbore e maceta que se emprega, senón polo traballo que se fai con esas árbores". Deste xeito, para Alberto, "poderiamos definir un bonsái como o conxunto de técnicas que aplicamos a calquera árbore para miniaturizala". Para comprendelo mellor, ponnos un exemplo: as viñas na provincia da Coruña son altas e emparradas, mentres que na zona do Bierzo son pequenas, gordas e retortas. "Realmente é a mesma planta, o único que cambia é a maneira na que foi cultivada: nós deixámolas medrar moito e emparrámolas altas e eles déixanas medrar pouco e xa as cortan", apunta. No caso dos bonsáis, "acontece exactamente o mesmo: imos cortando os crecementos de cada ano seguindo uns criterios predeterminados para non deixar que a árbore siga medrando".
"CALQUERA ÁRBORE É SUSCEPTIBLE DE CONVERTERSE EN BONSÁI, PERO NON TODAS DARÁN LUGAR A BONSÁIS DA MESMA CALIDADE"
Isto rompe os esquemas mentais de moita xente, pois a maior parte da sociedade cre que cando se fala de bonsái estase a falar dunha especie concreta de árbore, pero, como afirma Alberto, "iso non é correcto, é outro dos mitos máis estendidos". E asegura que calquera árbore é susceptible de converterse en bonsái: "Ti podes facer un bonsái dunha figueira, dun toxo, dun carballo, dunha carqueixa, dun piñeiro... do que queiras". Se ben é certo que "non todas as árbores teñen a mesma idoneidade para converterse en bonsáis, porque as súas diferentes características van dar lugar a bonsáis de maior ou menor calidade". Pero para Alberto iso é algo lóxico que acontece en practicamente todos os ámbitos da vida: "Se eu mido un metro cincuenta e peso corenta e cinco quilos, poderei ser moi bo para facer carreiras de cabalos porque como peso pouco o cabalo correrá máis, pero igual para baloncesto non me queren". "Isto é igual: o tamaño da folla, o tamaño do internó, a permisividade que teñan para facer transplantes e podas... Todo iso son factores que van influír na calidade do bonsái que consigamos", conclúe o experto.
Sabendo isto, a seguinte pregunta resulta evidente: cales son as árbores máis idóneas para converterse en bonsái? Alberto asegura que son moitas e moi variadas: "Algúns tipos de piñeiro xa non é que sexan idóneos, senón que mesmo son dos bonsáis máis valorados; ao igual que acontece cos arces xaponeses". No caso das especies galegas autóctonas, o experto apunta ao buxo ou mesmo a algunhas cereixeiras e frutais. Se ben hai que ter en conta que dentro desas grandes familias de árbores tamén hai especies diferentes: "Non é o mesmo coller un piñeiro propio de Galicia para facer bonsáis, o carrasco, que ten unha agulla de 15 centímetros de lonxitude, que un piñeiro vermello ou silvestre, que aínda que tamén os temos están en menor proporción, que xa ten unha agulla de por si de 2 centímetros; iso é algo que vai resultar determinante á hora de facer unha miniatura e vai influír moitísimo na calidade do bonsái final".
"HAI VARIAS FORMAS DE CREAR UN BONSÁI: A PARTIR DUNHA SEMENTE, DUNHA PUGA OU XA DUNHA ÁRBORE ADULTA"
Con todo, non todo está escrito aínda no mundo dos bonsáis e os resultados da experimentación seguen sorprendendo ata aos máis entendidos. Sen ir máis lonxe, Alberto sempre conta que "cando eu comecei neste mundiño, as carqueixas que enchen os montes galegos non eran consideradas para facer bonsáis" e "todo o mundo me dicía que non se podía facer un bonsái con esa árbore". Pero Alberto emperrouse e emperrouse e, despois de moito dicirlle que estaba tolo e que a árbore lle ía morrer, "descubrimos que todo o contrario: a carqueixa resultou ser unha especie idónea para facer bonsáis e tamén unha das que mellor se traballa". Sentou un precedente e agora moita xente dentro e fóra de Galicia ten carqueixas bonsáis. E é que nesta vida todo é cuestión de proba e erro, pero, se non se intentan as cousas, nunca se saberá o seu resultado.
Agora ben, como se comeza a crear un bonsái? Pártese dunha árbore xa adulta ou dunha semente? Alberto explica que "hai varias formas". Unha sería, precisamente, partir dunha semente, pero esa é a opción máis longa, porque "ao final a semente ten que xerminar e temos que deixala medrar". Outra maneira sería partir dunha puga, é dicir, cortar unha rama e plantala na terra deixando que bote raíces, o que permitiría "adiantar uns anos o proceso con respecto á opción da semente". E, a forma máis rápida e que tamén resulta efectiva, é "partir xa dunha árbore adulta". Pon o exemplo de que "podemos ir a un viveiro buscar un arce xaponés, moi de moda agora nos xardíns, e seguramente toparemos con algunha árbore que ten unhas características de tamaño, de formación e de posicionamento das ramas que nos parezan interesantes para comezar a traballar sobre ela e convertela en bonsái". Deste xeito, "aforrariamonos moito tempo".
"TEMOS UN PROXECTO DE PRODUCIÓN DE BONSÁIS DE CALIDADE EN GALICIA E CONTAMOS CUNHAS 9.000 ÁRBORES EN FASE DE ENGORDE"
Para poder levar a cabo procesos de obtención máis rápidos, Alberto e outros compañeiros amantes dos bonsáis están traballando nun proxecto de produción destas árbores en Galicia: "Temos unhas 8.000 ou 9.000 en fase de engorde, preparándoas para o futuro, de tal xeito que dentro duns anos (máis ou menos dependendo da especie, dende os 5 ata os 18) poidamos ter bonsáis de calidade". E é que a creación de bonsáis de calidade pódese facer dunha maneira máis rápida, pero a calidade que se obtén finalmente non é a mesma. Como explica este experto, "o mundo do bonsái resúmese en constancia e paciencia", pois, "aínda que se considera unha arte pola súa parte estética, esta supón so o 5 %, o 95 % restante está na agricultura, porque o principal dun bonsái é a súa saúde, que estea forte e saudable, pois unha planta morta, por moi artistas que sexamos, non vale para nada". Neste senso tamén apunta a que a dos bonsáis é "unha arte en movemento, pois cada ano a árbore vai medrando, secando nalgún punto, e hai que ir arranxándoa". "Dán moito traballo, pero esa é a parte bonita, que sempre sexan obras inacabadas nas que sempre queden cousas por facer".
Para facerse á idea do interese que hai actualmente polo mundo dos bonsáis, os datos de venda da tenda de Alberto poden axudar a que nos fagamos unha idea. "Unha vez contei 2.000 árbores vendidas nun ano", asegura, e destaca que "aquí estamos a facer bonsáis todos os días, a maquinaria non para". Afortunadamente, estas cifras tamén permiten a Alberto vivir da súa paixón. "Antes era enfermeiro e traballaba no Hospital Clínico de Santiago, case sempre na UCI, en REA ou en enfermidades coroarias, cousas moi delicadas", lembra este mozo. Sen embargo, foi fai 10 anos cando deixou a súa profesión para adicarse en exclusiva ao mundo dos bonsáis, e notou unha mellora tremenda na súa calidade de vida: "Foi un cambio moi grande, a enerxía entre árbores é completamente diferente á dun hospital". Ademais, pode conciliar o seu traballo con ser pai de dous pequenos de seis e dous anos e medio: "Ás veces veñen comigo cando vou mercar árbores e están por aquí polo viveiro xogando mentres eu estou arranxando ou podando os bonsáis".
"AGORA ESTAMOS NUN MOMENTO DE PROFESIONALIZACIÓN DO SECTOR; A RAÍZ DA PANDEMIA CHEGOU MOITA XENTE AO MUNDIÑO"
Sobre ese interese crecente polo mundo do bonsái en Galicia, asegura que dende que se adica a isto profesionalmente, recibe na súa tenda a persoas que lle din que levan metidas no mundiño ducias de anos, o cal nunca deixa de sorprenderlle. O que si nota agora é que se está profesionalizando o sector: "Xa hai unhas cantas asociacións repartidas ao longo da comunidade (A Coruña, Vigo, A Estrada, Sarria...) que están facendo unha labor divulgativa moi boa e que incorporan cada vez máis xente". Neste senso Alberto apunta que "eu son socio na da Coruña e chegamos a ser máis de 60, algo que se o comparamos con 'hobbies' maioritarios como a pesca, a caza ou o fútbol, pode semellar pouco, pero que non está nada mal para tratarse dalgo minoritario aínda".. Por outra banda, tamén cre que "a raíz da pandemia chegou moita xente ao mundiño de recente incorporación, sendo a crise do covid un momento de explosión para a arte dos bonsáis, xa que a xente buscaba cousas que poder facer na casa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.