Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/08/2024 | Actualizada ás 13:09
A rotura dunha tubaxe alagou unha zona do novo edificio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e obrigou ao desaloxo, de forma puntual, dalgunha zona de acceso, segundo informaron desde a xerencia da área sanitaria, que explica que se traballa para solucionalo "o máis axiña posible".
Foi ao redor das nove e cuarto da mañá cando rompeu unha tubaxe de auga quente no piso 0 do novo edificio do CHUO. Este incidente obrigou a desaloxar, de forma puntual, algunha zona de acceso. "Pero non afectou, en ningún momento, á actividade asistencial", insisten desde a xerencia que sinalan que se está avaliando as causas que puideron ocasionar a incidencia.
"Aínda que poderían deberse a unha mal embalaxe nunha tubaxe", apostilan tamén sobre a posible causa para apuntar, ademais, a danos no falso teito pola choiva que tamén se tratan de arranxar "no menor tempo posible". Mentres, aínda que inciden en que a actividade asistencial non se viu afectada, piden desculpas aos pacientes e usuarios "polas molestias que este incidente lles puido ocasionar".
O xerente da área sanitaria, Santiago Camba, afirma que o incidente se produciu unhas dependencias administrativas e "de paso". "Non afectou á hospitalización nin aos pacientes que poden estar ingresados", insistiu, ademais de pedir tamén desculpas. "O groso do problema está xa solucionado e, nestes momentos, o que imos facer é revisar coas empresas de mantemento aquelas posibles incidencias para que a recuperación sexa completa", apostila en declaracións aos medios de comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.