Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 18:06
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, retou á oposición (BNG e PSdeG) a constituír no Parlamento unha comisión de investigación sobre os contratos asinados pola Administración autonómica con Eulen, onde é directiva a irmá do actual líder do PP e expresidente galego, Alberto Núñez Feijóo. "Absoluta tranquilidade. Para iso está a democracia e para iso están os procedementos parlamentarios", deslizou Rueda, ao ser preguntado sobre esta posibilidade na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego.
O presidente lembrou que BNG e PSdeG "poden" impulsar esa comisión se o desexan, posto que o regulamento da Cámara permite que, unha vez por lexislatura, un terzo dos deputados que pertenzan a un mesmo grupo ou as dúas quintas partes de todos os deputados soliciten crear unha comisión de investigación.
"Levamos seis meses e eu xa perdín a conta de cantas comisións de investigación ou simulacros de comisións de investigación dos que fala a oposición. Téñeno moi sinxelo, teñen a posibilidade de presentar a comisión e que se celebre. Sábeno dabondo", recalcou o tamén líder do PPdeG. Con todo, Rueda restrinxe esta petición no "barullo político, na lea, en facer ruído, en amagar e en non facer". Neste sentido, cre que a pregunta de por que non a impulsan desde a oposición "habería que facerlla a eles".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.