A volta ao cole: as ANPAS preocupadas polo recorte de profesorado, o transporte escolar e a situación no rural

Falamos con Isabel Calvete Carrera, presidenta da Confederación ANPAS Galegas.

Por Amanda Fernández | Lugo | 05/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Galicia Confidencial continúa neste inicio de setembro coa serie de reportaxes con motivo da volta ao cole visibilizando a diferentes axentes implicados, como as librarías, os psicólogos infantís... Neste caso poñémonos en contacto coa presidenta de ANPAS Galegas, Isabel Calvete Carrera, para coñecer as preocupacións das nais e pais neste inicio de curso. "Esta semella unha época algo convulsa, temos moitos colexios con recortes, que levan todo o verán con protestas e van seguir, reivindicacións que apoiamos", afirma. Así, o tema dos recortes, recoñece, é o que máis preocupa e tamén agardan que haxa "caos co tema do transporte escolar a inicio de curso". 

Varios nenos no patio dunha escola
Varios nenos no patio dunha escola | Fonte: Marta Fernández Jara - Arquivo

No que atinxe aos recortes, fai fincapé en destacar que iso afecta sobre todo aos colexios rurais e á "atención de todo o alumnado con algún tipo de necesidade de apoio educativo". Con isto, reivindica que "non se leva a cabo un ensino inclusivo". Centrando o discurso na situación do rural, a presidenta revindica a necesidade dun plan educativo específico, xa que os colexios pequenos son os que sofren máis, todo vai en función dos concientes, polo que hai poucos profesionais e poucos medios. A isto habería que sumar a tendencia dende fai décadas de despoboamento e o peche continuo, polo que demandan que se garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado galego. 

Isabel Calvete expón: "É unha situación que se viviu desde sempre, ter que depender dun autobús ou emigrar das vilas cara ás cidades. Vivir no rural é un privilexio, pero ten moitas carencias. Sobre todo para eses rapaces que saen do CPI ou CEIP para o instituto e xa non é que teñan 30 minutos de autobús, e que xa non teñen autobús". Sinala que isto ocorre en boa parte do territorio rural galego, pero en especial, na montaña "o exemplo máis extremo". A ausencia de liñas de transporte público tradúcese nunha necesaria loxística familiar, nun gasto tremendo ou en ter "que mandar ao rapaz con 16 anos a estudar a Lugo". 

Desde ANPAS Galegas demandan que se comunique a zona rural e que se adapte ás necesidades do alumnado: "En Cervantes igual hai 20 ou 25 anos que non hai transporte público, polo que existe unha desigualdade de oportunidades. De igual forma se falamos de alumnado con ensino postobrigatorio, faltan centros de Formación Profesional (FP) vinculados ao rural. Só en Becerreá, podemos dicir centro da comarca, hai un único ciclo agrario forestal, o da Escola de Alta Montaña. Non teñen máis opcións, ou iso ou marchar co que conleva. Se saen con 16 anos da súa zona, probablemente non volvan". 

A FALTA DE PROFESORADO  

Recoñece que nos últimos cursos, a finais de verán, sempre teñen sorpresas no que se refire a recortes de profesorado xeral e de especialistas. Conta sobre isto: "En xaneiro asinouse un acordo de mellora educativa entre algúns sindicatos e a Consellería de Educación. Falábase dunha diminución de cocientes por aula e parecíanos unha boa cousa. Reivindicamos que esa redución debería levar aparellada unha mellora da calidade educativa. É certo que a baixada é progresiva e tardará moitos anos en implantarse en todo o sistema educativo, pero por algo se comeza". 

Sinala que aprecian que nesa baixada de concientes, hai "uns puntos que non se están cumprindo" polo que faltan profesorado, especialistas e as aulas "deberían desdobrarse para ir adaptándose a eses conscientes". Así, a realidade "é que non hai profesorado para desdobrar esas aulas". Engade: "O que máis nos preocupa é a falta de especialistas de PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe). Estamos atopándonos con tres, catro e cinco cursos nunha mesma aula. Todos entedemos que en colexios pequenos non pode haber un profesor por cada aula, pero esta situación ten que preverse e poñer os medios para garantir a calidade educativa. Non temos claro que agora isto se garanta". 

"ESTAMOS AGARDANDO REALMENTE COUSAS CONCRETAS"

A Consellería de Educación anunciou que chamaría a 400 docentes adicionais para o curso e ante esta nova, desde ANPAS Galegas destacan que "é unha boa nova coa metade de especialistas en apoio aducativo", pero pregúntanse: "Para outubro? A que estamos agardando? Esta situación xa se sabía en xuño. Do mesmo xeito demandan "cousas concretas", coñecer a que colexios van e si se dotarán todos eses centros que o necesitan e "levan pedindo dende fai meses". As familias piden e revindican explicacións ante esta situación. 

Preguntamos tamén sobre o custo dos libros de texto e material escolar ao que fan fronte as familias en setembro e ante isto, sostén: "Reivindicamos sempre o mesmo, que o ensino público ten que ser gratuito e igualitario, tal e como di a Constitución Española. Non se pode falar de custo das familias, é absurdo, partimos dun mal principio, debería ser gratuíto tanto en material como libros de textos. De que falamos? De dereitos ou de mercado?".

A FUNCIÓN DAS ANPAS E OS COMEDORES ESCOLARES

A presidenta da confederación visibilizou que existe certa confusión co que significan as ANPAS, as asociacións de pais e nais: "Non estamos para organizar festas, viaxes ou rifas, senón para colaborar,na nosa medida, en que o sistema educativo sexa mellor e defender así os dereitos dos nosos filos. Xa son moitas familias as asociadas e sempre animamos a que se inscriban para ter un asesoramento, apoio ante problemáticas e tamén se cómpre coa función de apoiar ao centro para un sistema educativo mellor. Para iso estamos, esa é a razón de ser". 

Entre os temas que xeran problemas, cada ano, están os comedores escolares. Demandan que teñen que ser "un servizo educativo que precisan moitos nenos e nenas". Nesta liña, defenden que os comedores de xestión directa da Xunta "son os que mellor funcionan en garantía de calidade e atención do alumnado no momento da comida". Por iso, consideran que a Xunta debería asumir a xestión de todos os comedores escolares como "un servizo educativo". É unha problemática de todos os anos, pola calidade da comida e sobre todo a atención ao alumnado: "Hai falta de profesionalización do persoal que axuda nos comedores, dos coidadores, a maioría persoal voluntario. Pedimos que teñen que ter unha formación, como calquera persoa que trate co alumnado, e así evitariamos moitos conflictos". 

CENTROS DE ENSINO "ABERTOS" E MÁIS SOBRE E-DIXGAL

Como últimas dúas cuestións a tratar. Apuntan a que o colexio "debería estar aberto a outros profesionais, como os psicólogos educativos ou a enfermeira escolar", que están presentes noutras comunidades autónomas. Expoñen que son figuras que deberan estar, así como o traballador e educador social, senón é dentro do centro, pois colaborando estreitamente para mellorar a situación. "Os centros de ensino seguen sendo centros pechados, deberían de estar abertos a este tipo de profesionais que están para apoiar e axudar ao alumnado", sostén Isabel Calvete Carrera.

Para conclúír, sobre E-Dixgal, desde ANPAS Galegas apoian a modernización do ensino público, pero consideran que fai falta máis formación, sobre esta dixitalización "aínda lonxe de estar modernizada", para alumnado, profesorado e familias. "Non chega información sobre o proxecto ás casas e tamén faría falta inversión humana para que funcione e o ensino evolucione á mesma velocidade que a sociedade", finaliza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta