Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/10/2024 | Actualizada ás 18:40
Escoitaches algunha vez iso de que a miopía chega unha idade na que se estanca e xa non vai a máis? Ou que as lentes de contacto non son para todo o mundo porque hai a xente que lle van mal? E, de seguro, se eres desas persoas que leva gafas ou lentillas, tamén pensas que unha vez que as quitas ves moito peor que antes de poñelas. Estes e outros moitos son os mitos que xiran arredor da visión, moi asentados na sociedade e moi repetidos, coma se dun mantra se tratase. Sen embargo, son todos eles certos? Son todos mentira? Hai algo de verdade? Para saír de dúbidas, e con motivo do Día Mundial da Visión que se celebra este xoves 10 de outubro, o Galicia Confidencial fala co óptico-optometrista Alexander Dubra, membro da xunta de goberno do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia (COOG), que nos despexa as incógnitas.
CANDO O NENO SE FAI ADULTO A MIOPÍA ESTÁNCASE E NON SEGUE CRECENDO?
"É certo que nos adultos a variación na visión adoita ser menor", concede Alexander, pero lamenta que "dende fai algúns anos, non moitos, estamos comezando a ver que mesmo hai xente á que a miopía lle aparece aos 19 ou 20 anos, cando o normal e o máis habitual sería que lle aparecese xusto na preadoslecencia ou durante a mesma". Por que acontece isto? O óptico apunta a "un exceso de traballo de cerca, probablemente", porque "este era un rasgo común a todos os pacientes nos que se viu que aparecía miopía a esa idade, cando xa se lles pode considerar persoas adultas". E traballo de cerca pode ir dende un oficinista ata un estudante universitario, pasando por alguén que está preparando unha oposición, as profesións e ocupacións son múltiples a esas idades. "Realizan actividades que lles obrigan a estar en visión de preto durante oito, dez ou once horas ao día, de xeito constante, e iso pásalles factura", afirma o experto, que chancea con que "non vin ningún caso dun camioneiro que se volvese miope aos 20 anos, non me consta ningún".
Sobre esta afirmación que se adoita escoitar tamén apunta a que "é certo que o que pode acontecer cando un paciente chega á idade da presbicia, aos 40 ou 50 anos, é que lle baixe un pouco a miopía". Por que? Aínda que é un tema complexo de explicar, Alexander simplifícao dicindo que "trátase dalgo tensional, porque o ollo humano é un músculo e, como tal, debe tensionarse nalgúns momentos durante o seu uso, de tal xeito que cando se chega a unha certa idade, os músculos xa non teñen tanta forza para manterse tensionados e comezan a ceder un pouquiño, polo que a miopía baixa". Iso si, advirte de que "en ningún caso desaparece". Así, apunta a que "se eras unha persoa que tiña cinco dioctrías, por exemplo, pódeche baixar ás catro ou catro e media". E é que non hai que esquecer que "o ollo está vivo e constantemente se vai adaptando á súa contorna, é algo normal e que se ve en varios pacientes, non é nada raro, aínda que, como todo, atópase condicionado pola persoa en cuestión, se ten máis ou menos propensión a facerse miope e a contorna na que se move".
NON TODO O MUNDO PODE LEVAR LENTES DE CONTACTO?
Alexander explica que "é indiferente. de forma relativamente obxectiva, o uso de lentes tradicionais ou de contacto", aínda que "é certo que os miopes se atopan moito máis cómodos coa lentilla". Pero isto débese a un motivo de comodidade: "O campo de visión dunha persoa que usa lentes de contacto é completo, non se atopa unicamente limitado á lente que está dentro da gafa, de tal xeito que ao mirar de reollo, por enriba ou por abaixo, saíndose da lente, vexa borroso". Ademais, as gafas, no caso de miopes con graos medios ou altos, supoñen outro problema: "Aqueles que teñen moitas dioctrías, coas lentes tradicionais adoitan ver as cousas máis pequeniñas, algo que non lles acontece se usan lentes de contacto, coas que ven todo ao tamaño natural". En resumo, para o óptico esta afirmación débese "a unha cuestión de comodidade subxectiva do paciente".
Como dato curioso, o óptico asegura que "tamén se viu en estudos que a miopía ás veces crece menos nos pacientes que usan lentillas que entre os que usan gafas", aínda que "non se sabe exactamente o por que", nin "tampouco pasa con todos os pacientes". "Ao mellor o que acontece é que se teño moitas dioctrías e o vexo todo máis pequeno téñome que achegar tanto aos obxectos para velos ben que forzo máis a vista e, polo tanto, iso fai que me aumente máis a miopía, a clave pode estar aí", hipotetiza Alexander. Tamén hai xente que prefire usar lentes de contacto "por seguridade", porque "realizan algún deporte de xeito frecuente que pode derivar na rotura das gafas".
VESE PEOR DESPOIS DE LEVAR MOITO TEMPO POSTAS AS GAFAS OU AS LENTILLAS?
Alexander non pode conter a risa ao escoitar esta afirmación: "Vese exactamente igual de mal que antes de poñelas, o que acontece é que como os pacientes viñan de ver ben, xusto o están comparando, o que lles dá esa sensación de que ven peor". Para entendelo, pon o exemplo da temperatura: "Se estas fóra na rúa durante o verán a 35 graos de temperatura e entras nun interior que está a 27 graos, notas fresquiño; pero se estás en inverno a 15 graos na rúa e entras nun local a 27, notas calor; e obxectivamente en ambos casos fai 27 graos, que é calor, pero dependendo do contexto exterior notamos calor ou frío". Do mesmo xeito, "cando quitas as gafas ou as lentillas, subxectivamente ves peor que cando tiñas a corrección posta, pero realmente, ves igual que antes de poñelas", reivindica Alexander.
Outra cousa que acontece cando se leva un tempo sen poñer gafas ou lentes de contacto é que "o cerebro comeza a interpretar o que ve". Isto é, "o cerebro é o que ve, non os ollos como tal, que son os que lle mandan a información, de tal xeito que despois dun tempo vendo caras borrosas, o cerebro comeza a interpretar esas manchas como a cara dunha persoa, ou despois de estar lendo liñas borrosas un tempo, comeza a interpretas as manchas con letras, pero non porque as vexa mellor, senón porque as vai interpretando, aínda que obxectivamente a imaxe que lle chega dende os ollos siga sendo igual de mala", explica Alexander. E exemplifica que "tamén antes nas televisións antigas, que tiñan unha resolución moi baixa e un tamaño de 13 ou 14 pulgadas, lograbamos ver perfectamente ben o partido de fútbol no salón da nosa casa a tres metros de distancia; pero se as comparamos coas LED ou as HD que hai agora que chegan ás 50 pulgadas, evidentemente as comparacións son odiosas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.