Por Galicia Confidencial | VIGO | 08/09/2024 | Actualizada ás 19:01
Douscentos ciclistas participaron na mañá deste domingo da ruta BTT reivindicativa organizada pola Plataforma 'Eólicos no Morrazo Non', mostrando así o compromiso do deporte de base coa defensa dos montes. A marcha saíu dos xardíns do Concello de Moaña ás 10.00 horas da mañá, onde se despregou unha faixa co lema 'Eólicos no Morrazo Non' e se celebrou un acto de recibimento coa participación da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; o presidente da Comunidade de Montes de Meira, Manuel Currás, e unha representación da Plataforma.
Neste acto Leticia Santos agradeceu a presenza e o compromiso dos e a das ciclistas nesta xornada reivindicativa. A alcaldesa salientou que "temos que demostrar con accións como esta a importancia que ten o monte para a nosa vida" e mostrou o compromiso do Concello de Moaña para parar "unha ameaza eólica especulativa e que só procura a espoliación". Na súa intervención Manuel Currás agradeceu a implicación dos clubes ciclistas, que foi imprescindíbel para o éxito desta xornada, e expuxo as características da ruta.
Tonio Nogueira, en representación da Plataforma, salientou que todos os colectivos da Plataforma están a favor das enerxías renovables e limpas, pero rechazan que "con este pretexto queiran implantar un modelo que espolia os nosos recursos". "Queren converter o Morrazo nun territorio de sacrificio (expropiación de terreos e fortes danos medioambientais, paisaxísticos, abastecemento de augas, saúde, patrimonio...), para exportar enerxía eléctrica obtendo todos os beneficios as empresas multinacionais", denunciou Nogueira, quen tamén agradeceu a presenza dos ciclistas.
Tras o acto iniciou a marcha, que subiu polos montes de Meira ate Chan da Arquiña, onde se realizou a primeira parada. Despois pasouse polos montes de San Adrián e Santa Cristina de Vilaboa. O seguinte descanso tivo lugar no Lago de Castiñeiras, onde se repartiu avituallamento. Logo percorreuse por Chan de Armada e Lagocheiras en Santomé de Piñeiro de Marín e a ruta finalizou ás 13.30h na Cruz da Maceira.
UN PERCORRIDO POLOS IMPACTOS
Durante o percorrido constatáronse sobre o terreo os diversos impactos da instalación dos 15 aeroxeradores de 180 metros de altitude na dorsal dos montes do Morrazo. Un deles será o impacto paisaxístico, pois estruturas desta magnitude serán visíbeis tanto desde toda a rede de estradas do Morrazo como desde concellos da contorna, como Pontevedra, Vigo, Redondela, Sanxenxo... O traxecto da ruta permitiu apreciar como as repercusións do proxecto de Arena Power non ficarán no monte, senón que todos os concellos da comarca se encontran en risco.
A execución das voaduras necesarias para as obras do parque eólico nun solo de carácter granítico como o do Morrazo danará as traídas de augas e a rede hidrolóxica no seu conxunto, ademais das afeccións aos ecosistemas medioambientais. Tamén puido constatarse o impacto que o proxecto eólico terá no patrimonio. Moitos dos elementos arqueolóxicos da comarca veranse afectados unha vez comecen as obras do parque.
PRÓXIMOS EVENTOS REIVINDICATIVOS
A Plataforma 'Eólicos no Morrazo Non' está a preparar novas actividades en defensa dos montes. O próximo sábado 21 de setembro terá lugar unha andaina reivindicativa que sairá da Chan da Arquiña, con paradas en Corno Pineda e Pedras Negras. Tratarase dun roteiro circular de 3,6 quilómetros, de baixa dificultade e de aproximadamente unha hora de duración na que pode participar toda a veciñanza do Morrazo que queira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.