O Parlamento investigará os contratos da Xunta de Feijóo con Eulen, a empresa na que traballa a súa irmá

Será activada polo BNG e tamén investigará os sobrecustos da construción do hospital Álvaro Cunqueiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2024 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

O BNG empregará o seu peso no Parlamento galego para activar unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta con empresas como Eulen ou o suposto sobrecusto da construción do hospital Álvaro Cunqueiro sinalado polo Consello de Contas.

Así o avanzou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, durante a súa intervención no debate sobre a posta en marcha desta comisión, que o Bloque levou a votación no primeiro pleno do período de sesións que arrincou na mañá deste martes. A líder frontista anunciou ao termo da súa intervención que empregarán o mecanismo do regulamento da Cámara que outorga capacidade aos grupos con polo menos un terzo dos asentos no hemiciclo do Pazo do Hórreo para crear comisións de investigación.

"Imos usar a forza dos nosos 25 deputados para que se investigue", aseverou Pontón quen, no entanto, convidou ao PP a votar a favor da posta en marcha desta comisión "se non ten nada que esconder". "Se responden cun veto será unha declaración de responsabilidade", dixo.

Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009
Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009 | Fonte: EP

SEGUNDA VEZ NA HISTORIA

Trátase da segunda ocasión desde a reforma do regulamento no ano 2015 que se empregará o mecanismo que permite crear comisións de investigación sen a aprobación da maioría do pleno. A primeira produciuse na X Lexislatura (2016-2020), cando En Marea, PSdeG e BNG uníronse para, con dous terzos dos 75 asentos do hemiciclo, pór en marcha unha investigación parlamentaria sobre os recortes en sanidade, aínda que a falta de acordo co PP para configuración da lista de comparecentes levaron aos grupos da oposición a desentenderse do desenvolvemento da mesma e organizar unha comisión "paralela".

Agora, o Bloque valerase dos seus 25 deputados, que constitúen un terzo do total da Cámara, para impulsar a comisión de investigación, cuxa creación foi rexeitada este martes polos votos do PP. O seu portavoz, Alberto Pazos Couñago, viu no intento dos nacionalistas unha "importación" e "adaptación á española" da "metodoloxía do réxime de Nicolás Maduro" por parte dos "admiradores do exemplar sistema democrático bolivariano".

PSOE E DEMOCRACIA OURENSÁ, A FAVOR

Pola súa banda, a viceportavoz socialista na Cámara Elena Espinosa incidiu na necesidade de arroxar luz sobre o proceder da Xunta coa contratación de emerxencia ou coa empresa Eulen, así como o sobrecusto de 470 millóns apuntado por Contas no Álvaro Cunqueiro. "A Xunta non pode normalizar o trato de favor con empresas relacionadas co círculo familiar de Feijóo", sinalou Elena Espinosa, que ha recmarcado que "por responsabilidade política, transparencia, ética pública e honestidade" a Administración galega debe ofrecer explicacións sobre estes asuntos. "Os galegos merecen coñecer a verdade", apostilou.

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, tamén garantiu o seu apoio á creación desta comisión de investigación porque considera que hai "indicios suficientes" para iso, aínda que mostrou os seus receos acerca da súa utilidade final. "Nunca se fixo unha estatua a unha comisión de investigación porque nunca serviu para nada", chanceou o único integrante do grupo mixto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta