Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2024 | Actualizada ás 16:45
A Xunta de Galicia traballa no borrador dun plan che xestión da biomasa ante a posible chegada ás súas costas da alga exótica invasora 'Rugulopteryx okamurae'.
En concreto, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, presidiron este martes a primeira reunión do grupo de traballo técnico sobre esta especie, na que presentaron o borrador.
Conforme detallou a Xunta nun comunicado, a finalidade desta planificación -da que se están perfilando os detalles- é establecer o protocolo de actuación dos distintos axentes implicados no caso de que este recurso mariño chegue ao litoral de Galicia arrastrado polo efecto das mareas ou cando sexa recollido de maneira accidental durante a actividade pesqueira. De feito, os integrantes do grupo de traballo poderán achegar nas próximas semanas suxestións ou achegas ao documento co fin de que sexa o máis operativo posible.
Neste sentido, os membros deste comité -integrado por representantes de distintos departamentos da Xunta, do Goberno central, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña- coñeceron o primeiro borrador do plan e avaliaron distintas cuestións que se derivan da aparición desta alga exótica invasora nalgunhas zonas das rías da Coruña e Vigo.
Precisamente, as directoras xerais lamentaron que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -que foi convidada a nomear un representante no grupo de traballo- non designase nin enviase a ninguén a esta primeira reunión, polo que non está a participar nas deliberacións. "Estamos ante unha situación especialmente preocupante tendo en conta que os concellos van ser, en moitos casos, os que teñan que xestionar a chegada da biomasa de alga ás praias da súa competencia", avisa a Xunta.
Pola contra, Marisol Díaz e Marta Villaverde agradeceron a colaboración dos representantes do Executivo central, que puxeron en valor a rapidez coa que actuou Galicia no deseño deste plan de xestión co fin de coordinar as actuacións para a prevención, seguimento e control da expansión da alga, que foi detectada nas costas galegas o pasado mes de xuño.
PRESENZA EN GALICIA
De feito, a Xunta indicou que se trata dunha especie que comezou a aparecer hai anos noutras comunidades autónomas como Andalucía e que foi incluída a finais de 2020 no Catálogo español de especies exóticas invasoras.
Por iso, existe unha estratexia nacional de control desta alga -aprobada en 2022- na que se enmarca unha guía remitida polo Executivo central ás comunidades autónomas para que preparen os seus correspondentes plans de xestión.
Precisamente, dada a constatación da presenza desta exótica invasora en fondos do litoral galego, o Gobinero galego está a traballar coa finalidade de ter listo canto antes ese plan de xestión e analizar os posibles impactos da súa expansión, tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente, ao tratarse dunha posible ameaza para a biodiversidade do medio mariño.
Neste sentido, os protocolos de actuación incluirán cuestións como os procedementos a desenvolver nas distintas partes do proceso, desde a fase de recollida ata a de transporte e almacenamento ou a de xestión. Todo coa finalidade de retirar esta especie do medio mariño e garantir que non volve ao mar, evitando así a súa expansión.
Este plan busca adiantarse na medida do posible á aparición futura desta alga no litoral galego e que todos os axentes implicados na xestión do litoral saiban como actuar en todo momento para frear a proliferación deste recurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.