Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 11/09/2024 | Actualizada ás 12:00
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reivindicou este mércores en Bruxelas "seguridade xurídica" á hora de tramitar os parques eólicos no territorio ante o que describiu como unha "marea de parálise" das avaliacións ambientais.
Así o sinalou en declaracións aos medios na capital belga tras reunirse co director xeral do Servizo Xurídico da Comisión Europea, Daniel Quella, con quen inaugurou a súa rolda de contactos europeos. No seu encontro, abordaron a cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou ante o Tribunal de Xustiza da UE (TJUE) tras o respaldo do Tribunal Supremo á decisión da Xunta de xestionar simultaneamente procedementos de información pública durante a tramitación dos parques eólicos.
A conselleira, que considera que a reunión foi "moi produtiva", trasladou a Quella o seu desconcerto ante a "marea de parálise" que nos últimos anos afectou á tramitación de máis de 60 parques eólicos cuxa autorización está suspendida polo TSXG. "Temos unha gran inseguridade xurídica que temos que frear e desatascar e, para iso, Galicia ten que avanzar", incidiu Vázquez, quen lamentou a "parálise" na consecución dos obxectivos da Xunta e que están "aliñados" coas prospectivas europeos en materia de descarbonización industrial e preservación do medio ambiente.
Neste sentido, dixo que ve "paradoxal" que haxa "tres organizacións que están continuamente presentando recursos en contra do que avalían funcionarios independentes á hora de emitir informes ambientais". "A situación é delicada", agregou Vázquez, que asegura descoñecer "que pasa a nivel xurídico para que agora o TSXG poña en dúbida unha directiva europea do ano 2013 que está a bloquear as avaliacións ambientais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.