Dous mozos á aventura: "Queremos voltar de Marrakech a Pontevedra na C15 e sen coller o GPS"

Lois Filgueira e Sergio González participarán no Chatarras raid en Marrocos, nun rally cun fin solidario, como xa fixeran o ano pasado no Uniraid.

Por Amanda Fernández | Lugo | 21/09/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Dous notas cunha c15", así se definen Lois Filgueira e Sergio González, dous mozos pontevedreses e un soño por seguir cumprindo. Baixo o nome de Lume Raid Team, teñen como obxectivo cruzar España e Marrocos, ida e volta, cunha C15: "Son máis de 5.000 km con asfalto, area, barro e neve". Toda unha aventura que agardan sexa inesquecible e para traer para a casa a maior cantidade de experiencias posibles. Percorrerán antigas etapas do Rally Dakar, apostarán pola orientación convencional e buscarán aportar un grao de area para eses pobos máis desfavorecidos do sur de Marrocos. "Levaremos xoguetes, material escolar e todo o que poidamos", confesan. 

Lois (esq) e Sergio (der) no Uniraid
Lois (esq) e Sergio (der) no Uniraid | Fonte: Raid Team

Xa o ano pasado participaran cun fin solidario e aventureiro no Uniraid e desta volta o próximo mes será a quenda do Chatarras raid 2024. Entre as principais diferencias de ambas competicións destacan que veñen dunha orientada a mozos ou xente con menos experiencia. O desta edición xa é máis técnico, aventureiro e complicado. Son dúas persoas con fame de novas experiencias e retos: "Queremos que cada ano sexa un pouco máis complicado e esixirnos a nós memos para profesionalizar todo isto". E neste caso tamén soñan alto e a futuro para poder "competir na maior cantidade de probas de orientación posibles". 

DE ONDE NACE ESTA PAIXÓN? E COMO CONSEGUIRON A C15? 

Lois e Sergio pasan moitas horas xuntos e son amigos. Coñecéronse no instituto e comezaron a facer rutas en bicicleta ata que outra paixón o suniu: os rallys. Sendo Galicia un lugar no que proliferan convertiuse na súa cita indispensable das fins de semana. Foi así como se lles veu á cabeza a idea de preparar un coche para correr. "Sabiamos que o tema rallys era caro, buscamos unha alternativa e atopamos este tipo de raids", comentan. Pero claro, precisaban dun vehículo para iniciarse. 

Resulta que un coñecido do pai de Lois quería desfacerse dunha furgoneta C15 e díxolle a estes mozos que se conseguían sacala do garaxe, era deles. "Alá fomos e cun pouco de mecánica rápida sacámola, así comezou todo", relatan Lois e Sergio, de 26 e 25 anos, respectivamente. O primeiro dedícase á construcción como encargado de obra nunha empresa en Pontevedra, mentres que o segundo está aínda estudando electromecánica e fixera previamente carrocería. 

A C15
A C15 | Fonte: Lume Raid Team

"O ANO PASADO FOMOS VENDIDÍSIMOS PARA MARROCOS"

"O ano pasado arrancamos e fomos vendidísmos para Marrocos, sen facerlle case nada", din entre risas. A C15 levaba dous anos parada, polo menos, no mesmo garaxe e sen moverse, polo que xa tiveron que traballar nela. Cambiaron batería, alternador, motor de arranque e fixéronlle catro mantementos. Recoñecen que se portou ben, agás nos últimos días nos que romperon suspensión, quedaron sen freos, quentábase un pouco, algunha fuga... "Rematamos case todas as etapas, dende a metade ao final, cun freo bloqueado", contan. Como anécdota, sen culpa da C15, nada máis saír de España quedaron tirados no medio da autopista. Por un despiste non había maís combustible e houbo que correr ata a área de servizo máis próximo. 

Neste novo raid de novembro buscan non repetir erros e mellorar bastante a furgoneta. Pasou a ITV e atópase en trámites de mantementos, cambios de aceite, de suspensión: "Estamos invertindo un pouco máis, por iso buscamos aínda patrocinadores do sector, de venta de material de catro por catro, equipamento ou taller. Así, que nos puideran axudar a preparala e profesionalizala máis".

As competicións  do formato Raid son moi comúns en Marrocos, orientadas a vehículos clásicos principalmente, e por aquí non é do máis coñecido. Mencionan probas que hai durante case todo o ano como Panda Raid, Chatarras Raid ou Uniraid. Lois e Sergio teñen claro que o queren intentar cunha c15, un vehículo "que non está preparado para estas cousas". Nesta edición xa hai tanto coches clásicos como todoterreos, o que complica a cousa. Máis aló do país africano, vense cambiando de paisaxe para o ano que vén, pensando no norte de Europa "con bosques e neve", polos Alpes, por exemplo. "Soñando en grande, querríamos correr un Dakar Classic, o famoso rally, é algo moi a futuro, pero tamén algo polo que loitaremos", manifestan. 

"QUEREMOS VOLTAR DE MARRAKECH A PONTEVEDRA SEN COLLER O GPS"

Poñer a punto a furgoneta require horas e horas. Sergio vai a clases pola mañá e ten as tardes libres, mentres que Lois co traballo, tenta sacar tempo. "O ano pasado tivemos que facer todo máis apurados, levounos preto de tres meses preparala e quedabamos polas noites na nave do meu traballo", recoñece Lois. Por aquel entón non tiñan "nin patrocinadores nin coñecementos" e ata o último día, xusto antes de saír, estaban ultimando detalles da C15. Desta volta, o día 2 de novembro arrinca o rally en Alxeciras e marcharán cun par de días de marxe para chegar ata aló polo que poda pasar polo camiño. O circuíto vai ata Marrakech e unha vez finalizan as etapas, durante seis días, a volta é libre: "Queremos complicarnos máis a vida e volver de Marrakech a Pontevedra sen coller o GPS, usando mapas de papel de toda a vida. Non sabemos canto nos levará así que pedimos un par de vacacións de marxe. Será unha auténtica aventura volver". 

E como o levan os pais, amigos e familiares? "Rinse de nós todos os días", aseguran un e o outro. Destacan que ás nais non lles fai moita graza que marchen nun coche a un lugar medio descoñecido. Ademáis, din que chaman mentres están por España, pero que en Marrocos, xa se lles fai complicado polo servizo de chamadas.

Neste punto hai que destacar que máis aló da aventura, queren que esa c15 vaia cunha carga ben chea: "O noso obxectivo, aínda que as esixencias sexan menores neste rally, é igualar ou superar as expectativas do ano pasado. A nosa vantaxe é a carga da furgoneta". Fan un chamamento a toda a xente do arredor que queira colaborar, que eles levarán todo o que poidan. Xa o ano pasado, grazas a unha empresa de Pontevedra, tiveron suministro de material escolar descatalogado, novo e sen uso. 

"Levamos case 100 quilos de material escolar e este ano intentaremos poñernos en contacto coa mesma empresa ou con outras relacionadas co mundo do material escolar para obter eses recursos, que se cadra xa non poden vender polo que sexa. Queremos viaxar con todo o que poidamos", confesan e animan a contactar con eles si se quere axudar, a través do Instagram, Lume Raid Team, ou correo electrónico lumeraidteam@gmail.com.

A C15
A C15 | Fonte: Lume Raid Team
A C15 de Lois e Sergio
A C15 de Lois e Sergio | Fonte: Lume Raid Team
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta