Pontón e Besteiro pedirán que Feijóo e Rueda expliquen contratos da Xunta con Eulen e os sobrecustes no Cunqueiro

O presidente insiste en que Contas nega eses "sobrecustos" polo Cunqueiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2024 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confirmaron que solicitarán que tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o seu antecesor no cargo e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, comparezan na comisión de investigación que forzarán os nacionalistas no Parlamento galego sobre os contratos da Xunta con empresas como Eulen e o suposto sobrecusto da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro sinalado polo Consello de Contas, entre outros asuntos.

Confirmárono os dous dirixentes da oposición este mércores, nos seus respectivos careos con Rueda no primeiro pleno do período de sesións do Parlamento galego. Precisamente, o martes, a maioría absoluta do PP tombaba unha proposta dos nacionalistas para abrir a dita comisión que tamén pediron os socialistas. No entanto, Pontón confirmou que a impulsarían en solitario en virtude do regulamento da Cámara, que así o permite a grupos con 25 deputados --os que ten o Bloque--.

A portavoz nacional do BNG pediu a Rueda "transparencia". E é que no foco situou os contratos con Eulen --da que a irmá de Feijóo, Micaela Núñez, é directiva--, algúns deles adxudicados pola área sanitaria de Santiago-Barbanza, que ata este ano estaba dirixida por Eloína Núñez, curmá do expresidente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pleno do Parlamento de Galicia.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pleno do Parlamento de Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

A isto sumou Pontón o suposto sobrecusto de 470 millóns de euros --negado por Rueda e o PP-- que apuntou o informe do Consello de Contas por elixirse un modelo de concesión de obras para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. "Dálle urticaria que teña que haber transparencia sobre todas as irregularidades na contratación pública da Xunta, que utiliza recursos dos galegos para beneficiar empresas vinculadas ao PP e a familiares de altos cargos do PP", esgrimiu.

Alfonso Rueda, na súa resposta, ironizou con que estaba "a desexar" que o BNG fose "valente" e impulsase dita comisión. "Teño que ver se resisten", dixo, para seguidamente pedirlle que sexa "rigorosa".

"EN MAN DE ESPECULADORES"

Sobre este mesmo asunto, o secretario xeral do PSdeG denunciou que o Goberno de Feijóo deixase "en man de especuladores" a construción do hospital vigués, cun "sobrecusto" co que se poderían "facer moitas cousas", por exemplo contratar "medio milleiro de médicos".

Así, Besteiro insistiu en que "alguén debe dar explicacións" ou asumir "responsabilidades políticas por esta confusión" que confirma que o PP "lle sae moi caro" a Galicia. En todo caso, solicitou un rescate para o público da concesión do Álvaro Cunqueiro.

Na súa resposta ao líder socialista, o presidente da Xunta negou que exista un "sobrecusto" como tal, porque o que di o informe de Contas é que o modo elixido para levantar a infraestrutura, de licitar a construción e os servizos de forma conxunta, supuxo 470 millóns de euros máis que se se licitaron por separado.

Ademais, Alfonso Rueda leu varias páxinas do mesmo documento no que Contas recalca que "a Administración non asumiu sobrecustos pola execución da obra" e que, aínda que a concesionaria pediu en 2014 o abono de case 8 millóns en concepto de sobrecustos, esta solicitude "foi rexeitada polo Sergas".

REXISTRO DA INICIATIVA

O BNG rexistrará este venres a creación da comisión de investigación parlamentaria no Pazo do Hórreo sobre os contratos da Xunta na pandemia, a relación coa compañía Eulen e o custo do hospital Álvaro Cunqueiro. Así o confirmaron a Europa Press este mércores fontes da formación frontista, que se valerá do peso do que goza no Parlamento durante esta lexislatura para forzar a creación dunha comisión, rexeitada polo 'non' do PP nunha votación en pleno o pasado martes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta