Por Galicia Confidencial | Mondariz | 11/09/2024 | Actualizada ás 16:41
O goberno de Mondariz liderado polo grupo independente Alternativa por Mondariz (AporM) presentou este mércores a súa dimisión ante o bloqueo absoluto dos tres grupos municipais da oposición (PP, BNG e PSOE). "Dende o inicio da lexislatura permanecen unidos para paralizar calquera avance, investimento ou mellora para a cidadanía", critica o grupo independente.
Agora a secretaría municipal convocará un pleno extraordinario do que sairá o novo grupo de goberno que terá ata finais de setembro para aprobar uns orzamentos e un plan de axuste que salven a Mondariz da parálise. Actualmente, AporM ten cinco edís, o PP ten 3, o BNG 2 e o PSdeG, 1.
O alcalde, Xoán Carlos Montes, anunciou que os cinco edís de AporM renuncian aos seus cargos no goberno para pasar a ser concelleiras da oposición e permitir que un novo goberno de alianza dos tres grupos dea luz verde ás necesidades das veciñas e veciños. “Se o problema é AporM apartámonos pero seguiremos dende a oposición loitando por un futuro mellor para as veciñas e veciños. Queda claro que non están facendo un exercizo político tan só persoal e que o seu empeño en destruír a figura do alcalde é maior que a responsabilidade que teñen coa cidadania”, explicouo alcalde.
O rexedor denunciou que os tres grupos da oposición se transformaron na práctica nun só grupo aliado para presentar enmendas e todo tipo de impedimentos negándose en bloque a calquera tipo de negociación. “A irresponsabilidade é tan grande que nin sequera renunciando nós a todas as nosas propostas queren sentar a negociar. A intervención do Estado é inmediata e afogarán a economia do Concello e a das veciñas e veciños”, criticou.
"Isto non é un xogo de estratexia, isto é política local é a xestión dos servizos públicos, da mellora do día a día de cada un dos catro mil habitantes que temos. Non é unha actitude seria. Se coa nosa retirada conseguimos que o novo goberno dos tres grupos siga unido como ata agora, non imos ser nos quen poña paus nas rodas. Nos estamos aqui con vocación de servizo non para alimentar egos”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.