Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/12/2015 | Actualizada ás 01:34
O PPdeG deixa de ser o partido hexemónico en Galicia. Se hoxe tiveran lugar as eleccións autonómicas en Galicia, Alberto Núñez Feijóo deixaría de ser o presidente da Xunta se as forzas de esquerda se puxeran de acordo. E é que a suma de En Marea, PSdeG e Nós –a candidatura na que ía o BNG--, sumarían o 50% dos votos, fronte ao 46% que obterían PPdeG e Ciudadanos xuntos.
Os aires de cambio que chegaron ao Estado, tamén se reproduciron en Galicia. O bipartidismo deixa de ser o eixo político do país. O PPdeG perde polo camiño máis de 15 puntos. O vendaval dos novos partidos tamén toca de cheo ao PSdeG que perde catro puntos e cede a súa histórica segunda posición nuns comicios xerais. Unha segunda posición que volve perder, novamente, fronte a Xosé Manuel Beiras, que liderou, en parte En Marea, a coalición de Podemos, Anova e EU en Galicia, como tamén xa aconteceu en 1997 nos comicios ao Parlamento galego, daquela no barco do BNG.
Ademais de En Marea, estes comicios xerais tamén son os da irrupción doutra nova forza política, a de Ciudadanos, que con pouco máis do 9% dos sufraxios, acadou un deputado por A Coruña. E, son, ademais, as eleccións nas que o BNG desaparece do Congreso español, logo de máis de 20 anos de presencia ininterrumpida. A coalición pola que se presentaba, Nós, non chegou ao 5% dos votos e quedou nun 4,33%.
E, a pesar dos malos resultados, os partidos do bipartidismo sacaron peito. Alberto Núñez Feijóo, líder do PPdeG, volveu insistir en que o seu partido gañou “claramente” os comicios en Galicia, a pesar de perder máis de 15 puntos con respecto a 2011. Tamén José Ramón Besteiro, secretario xeral do PSdeG, preferiu quedar co dato de que o su partido mantivo os mesmos escanos que hai catro anos, a pesar de que perdeu a segunda histórica segunda posición.
A Galicia da costa e a Galicia do interior
Este 20D deixa datos que explican, ademais, a diferencia que existe entre esas dúas grandes Galicias, a da costa e a do interior, a máis nova e a máis envellecida, a máis dinámica e a máis estancada. E eses datos deixan ben claro que na primeira desas Galicias, a xente quere cambio, un cambio que vai a marcha moito máis lenta na segunda.
E é que o PP sacou un 34% e un 35% en Pontevedra e na Coruña, respectivamente, fronte ao 45% e 42% de Ourense e Lugo. Tamén o PSOE tivo os seus mellores resultados nestas dúas provincias do interior, un 24% en Lugo e un 23% en Ourense, fronte ao 20% de Pontevedra e A Coruña. Pero onde se viu esa diferencia foi, precisamente, nas cidades, as zonas máis poboadas de Galicia. Aí, En Marea, compite case, a partes iguais, co PPdeG.
A formación que lidera Beiras gañou claramente en Vigo, con case un 34%, fronte ao 27% do PP, e 22% do PSOE, unha cidade na que hai tan só sete meses arrasou o PSdeG nas municipais cunha lista encabezada por Abel Caballero, actual alcalde e presidente da FEMP.
En Marea situouse como segunda forza máis votada no resto das cidades, cun empate case técnico co PP na Coruña, e a menos de dous puntos en Ferrol. Só en Lugo e en Ourense e Lugo, a diferencia cos populares foi destacada, de case dez puntos.
Tamén en Pontevedra, a cidade gobernada polo BNG, En Marea foi a segunda forza máis votada, a 5,5 puntos do PP. Pola contra, Nós apenas acadou o 6,5% dos votos. Unha dinámica que, curiosamente, se repetiu en prácticamente todos os concellos gobernados polo BNG, onde a forza elixida polos electores foi En Marea.
Os resultados do 20D tamén deixan un dato a ter en conta; unha diferencia de máis de 6 puntos en Santiago entre o PP e En Marea a favor dos populares. Un resultado curioso se se ten en conta que en maio, hai sete meses, nesta cidade, Compostela Aberta foi a candidatura máis votada obtendo un concelleiro máis que o Partido Popular e o 34,34 dos votos. Nestes comicios, En Marea baixou a un 28,32% dos sufraxios.
O futuro
O 20D deixa aberta moitas incógnitas e difíciles respostas. PP e PSOE resístense a perder a súa hexemonía. Tanto Feijóo, coma Besteiro, xa deixaron ben claro que seguen sendo os partidos máis importantes de Galicia, pero deberán readaptar as súas mensaxes e as súas estratexias de cara ao vindeiro ano.
Tamén está por ver se a fortaleza de En Marea se consolida como alternativa sólida de cara ás autonómicas do 2016 e se é quen de manter unha unidade de acción que se fai difícil coas distintas siglas e sensibilidades que integran esta coalición. O seu papel no Congreso como grupo propio galego e a busca dun candidato para o ano que ven serán os grandes retos desta formación.
O BNG, o gran prexudicado destas eleccións, tamén ten un difícil reto por diante. Terá que debater se decide formar parte dunha grande alianza coas mareas nas autonómicas ou, como xa avanzaron algún dos seus dirixentes, prefire seguir o seu camiño en solitario e arriscar a ser un grupo residual na Cámara.
E é que podería pasar a ser o quinto grupo no Parlamento galego superado por outro novo partido que entrou con forza nestas eleccións en Galicia co 9% dos votos e un deputado, Ciudadanos. Os seus dirixentes xa anunciaron que chegan para quedar e que estes comicios certifican a súa “entrada” en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.