PP e C´s fican moi lonxe da maioría absoluta que lle daban a meirande parte das enquisas. Suman en conxunto 162 deputados con cadanseus 28,6% e 13,8% dos votos. Fica ben claro, pois, quen segue sobrancear na dereita española.
Máis complexo é o outro bloque posíbel: Podemos (41 escanos), PSOE (91, cun Sánchez que safa por pouco, pero safa), a catalá En Comú Podem (12), os valencianistas de Compromís-Podem (9) e En Marea(6) acadan 160 escanos. O resto van a IU e ás formacións ERC (9), Democracia i llibertat,alicerzada en Convèrgencia e outros partidos (8), PNV (6), EH Bildu (2) e Coalición Canaria(1). A diferenza neste bloque é que a suma de votos de Podemos máis as forzas nacionais nas que partilla case empata cos votos socialistas, manifestando unha clara distorsión na representación por escanos por mor da regra D´Hondt.
Porén, semella que a clave territorial seguerá a ser importantisima nesta lexislatura, pois que só dende o apoio ou abstención das forzas nacionalistas (quer as presentadas por si, quer as que concorreron en coalición con Podemos) é posíbel unha maioria de goberno. E ésta será imposíbel cun goberno de centro-dereita, alicerzado en dúas forzas inmobilistas no territorial. Porén, Pablo Iglesias xa entendeu a clave territorial, facendo unha chiscadela ao recoñecemento da plurinacionalidade como pao de palleiro dunha reformulación do Estado.
Na Galicia o grande trunfo é para a coalición En Marea. Non só por acadar o 25% do voto e o segundo posto detrás dun PP que cun 37% perde quince pontos, senón por gañar as eleccións en Vigo e empatalas n’A Coruña. O seu empuxe na Galicia urbana foi irreprochábel. E, en último de contas, sumiu Nós Candidatura Galega na irrelevancia, forzando ao BNG a unha urxente refundación.
Oa resultados na Galicia non poden ser transladábeis ás autonòmicas do 2016, mais sinalan unha tendencia. O PP camiña cara á oposición, sempre que os mareantes saiban seguer a acumular forzas administrando con prudencia e xenerosidade o seu resultado.