O BNG denuncia a falta de mulleres relatoras nunha xornada da Xunta sobre municipalismo

Os nacionalistas cualifican o encontro como "un escándalo machista"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2024 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O BNG anunciou que non participará na xornada organizada pola Xunta o próximo 19 de setembro en Santiago sobre municipalismo ante a ausencia de mulleres entre os relatores máis aló da participación da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, para "que faga de presentadora".

"Un escándalo machista e absolutamente inxustificable", aseverou a deputada nacionalista Noa Presas nun comunicado no que o Bloque sinala que o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente da Fegamp, Secundino García, solicitou que esta situación fose "rectificada e non se corrixiu".

O Bloque censura que no programa das xornadas nas que se abordará a situación do municipalismo galego non figure "nin unha soa muller nin entre as persoas que participan como expertas nin como representantes institucionais".

"É absolutamente denigrante para todas as mulleres deste país e demostra un PP machista e desatado", aseverou Presas, que confirma que Secundino García declinou a súa participación na mesa sobre fusións de concellos para non "ser cómplice" desta "anomalía que silencia e oculta ás mulleres".

"Entendemos que os xestos son importantes e isto obrígame a renunciar a participar", argumentou o rexedor de San Sadurniño, que remitiu unha carta á Dirección Xeral de Administración Local na que manifesta o seu malestar pola configuración das mulleres.

Noa Presas, en rolda de prensa
Noa Presas, en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta