Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 14:10
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este martes a plantación de coníferas e parcela de ensaio propiedade da empresa Finsa, así como as instalacións da fábrica en Santiago de Compostela. Nesta visita, Gómez puxo en valor a condición de Galicia de potencia forestal nacional, coa metade das tallas de madeira de toda España, así como o apoio da Xunta ás plantacións e accións silvícolas que favorezan o sector forestal.
"O forestal é un sector polo que vimos apostando desde a Xunta con axudas ás plantacións de coníferas e tamén de frondosas, con cinco millóns de euros na convocatoria deste ano", dixo a conselleira.
María José Gómez referiuse tamén ás achegas para silvicultura, nas que na convocatoria pasada investíronse 10 millóns de euros e que, destacou, axudan a manter as plantacións ben xestionadas "para producir esa madeira de calidade que demanda o sector forestal e que ten un alto valor engadido". Nesta liña, avogou, por manter "plantacións de calidade, que teñen un retorno económico para o sector primario".
En relación co sector forestal, unha das demandas da Xunta pasa por conseguir unha mellora da fiscalidade para este campo produtivo. Nesta liña, o pasado mes de agosto, a propia conselleira mantivo unha reunión coa Asociación Forestal de Galicia na que manifestou o apoio da Xunta a esta reclamación ante a Administración Xeral do Estado, para flexibilizar a fiscalidade naqueles impostos de titularidade exclusiva ou total do Estado, como son o IRPF ou o imposto de sociedades, así como tamén o plan de contabilidade forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.