Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2024 | Actualizada ás 20:00
O grupo Treixadura, a actriz Isabel Risco e a Asociación de Gaiteiros Galegos son algúns dos galardoados dos XIII Premios Rebulir da Cultura Galega.
Tal e como explican nun comunicado, o premio nace en 2012 como un recoñecemento a persoas/colectivos que "contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións".
Un dos aspectos nos que fan fincapé é na "proxección" do nome de Galicia máis aló das súas fronteiras, especialmente en canto ao "establecemento de vínculos interculturais e de raíz".
Así, na categoría de 'música galega', o xurado decidiu premiar ao grupo Treixadura tras máis de 30 anos de traxectoria "por difundir, respectar e pór en valor a música de raiz".
A actriz Isabel Risco foi a premiada na categoría de artes escénicas "pola súa dilatada traxectoria no mundo da interpretación con diferentes públicos e rexistros".
Na categoría 'Homenaxe', o galardón foi para a colectivo Asociación de Gaiteiros Galegos por "conservar, defender e velar pola tradición galega como símbolo de identidade colectiva".
Ademais, a mención honorífica colectiva vai para a emigración galega en Cataluña "polo mantemento e promoción da cultura galega no exterior".
O acto de entrega dos galardóns celebrarase o sábado 21 de decembro de 2024, ás 19.00 horas, no marco da Gala Central do FIR_2024, que prevén que se celebre no Complexo Rogelio Garcia Yañez do Picouto (Concello de Ramirás).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.