Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 13:23
Policías nacionais en Galicia denunciaron falta de efectivos para loitar contra a criminalidade e demandaron medidas, tanto no ámbito dos medios materiais e humanos como no lexislativo. Foi coincidindo cunha convocatoria de protesta na cidade herculina, ante a Xefatura Superior de Policía de Galicia, por parte da Confederación Española de Policía (CEP) e con presenza, segundo os convocantes, de case medio cento de asistentes.
"Levamos anos demandando que fan falta 500 policías nacionais máis para dar resposta aos índices de criminalidade nas cidades en Galicia", denunciou o secretario de comunicación de Galicia da Confederación Española de Policía (CEP), José Javier Martínez. "Non hai efectivos suficientes en unidades de investigación e, sobre todo, na rúa para previr os delitos", engadiu.
Segundo explicou, en cidades como A Coruña e Vigo "hai 30 anos saían dez coches patrulla a quendas á rúa e hoxe con moita sorte saen catro". Mentres, hai axentes "formados para facer labor policial facendo labores administrativas", lamentou. Respecto dos recursos materiais, Martínez reclamou medios de protección necesarios para a súa seguridade como "chalecos antibalas, luvas anticorte e pistolas eléctricas". "Non pode ser que só sala un policía cunha pistola eléctrica nunha cidade grande e o resto que están a traballar non", criticou.
CAMBIO LEXISLATIVO
O secretario recalcou que o colectivo non está a solicitar "subidas de soldo senón cousas lóxicas, medios para traballar". "Pedimos que a administración coide a quen coida", instou para demandar "leis que protexan aos axentes no seu labor policial, un cambio lexislativo e que se a un policía se lle agrede, o agresor sexa condenado firmemente".
En canto ás cifras de criminalidade, Martínez asegurou que en Galicia "subiron moito os delitos violentos e baixaron os leves". Advertiu, ademais, de que hai "localidades nas que as agresións sexuais con penetración subiron unha barbaridade". "Atopámonos ante unha realidade moi triste, non estamos a pedir diñeiro para o noso peto estamos a pedir medios para atender ao cidadán", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.