Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2024 | Actualizada ás 14:20
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) agradeceu, na véspera da conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, o carácter solidario dos 15.259 cidadáns galegos que xa forman parte do Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea.
"Os datos son especialmente positivos porque, no que vai de ano e a data do 15 de setembro, rexistráronse como doantes 1.004 persoas, cifra que supón un notable incremento con respecto aos 870 doantes rexistrados nos doce meses do ano anterior", expón. Ademais, sinala que os datos reflicten "a positiva evolución" que está a experimentar o programa de captación de doantes de medula ósea que se desenvolve en Galicia por medio da ADOS.
Outro dato significativo para a Axencia de Doazón constitúeo, engade, "a elevada taxa de transplante de proxenitores hematopoéticos (popularmente coñecido como transplante de medula ósea) de Galicia que foi, no pasado ano, de 92,6 transplantes por millón de habitantes, cifra que supera en 15 puntos a media nacional (77 por cada millón de habitantes)".
Ademais, no ano 2023 houbo 15 galegos que doaron medula a persoas que o precisaron e realizáronse 249 transplante de proxenitores hematopoéticos, dos cales 29 foron de doante non emparentado, 45 de doante emparentado e 175 autólogos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.