Jácome volverá expor o vindeiro mércores 10 modificacións de crédito tras tombalas a oposición

A comisión era o paso previo para que poidan figurar na orde do día do pleno, algo que o alcalde advertiu que ocorrerá "si ou si".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/09/2024 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volverá convocar unha nova sesión extraordinaria da comisión de pleno do Concello o vindeiro mércores, 25 de setembro, para tentar impulsar 10 propostas de moficiación de crédito por máis de 22 millóns de euros que este venres rexeitaron todos os grupos da oposición (PP, PSOE e BNG). De cara a esa nova cita, o rexedor negociará individualmente, con cada grupo político, o seu apoio a estas modificacións que permitirán inxectar fondos para pagos a provedores, infraestruturas e servizos sociais, entre outros asuntos.

A comisión era o paso previo para que poidan figurar na orde do día do pleno, algo que o alcalde advertiu que ocorrerá "si ou si". Ao termo desta primeira reunión, o PP e o PSOE emitían senllos comunicados, pero co mesmo contido, para solicitar a "convocatoria urxente" dunha xunta de portavoces. A razón principal esgrimida por populares e socialistas era a "grave situación" provocada por decisións do alcalde en materia de persoal, por exemplo a eliminación das horas extra na Policía Local e a modificación (con todos os sindicatos en contra) das bases do plan de estabilización de traballadores municipais.

Ademais, PP e PSOE cuestionan as modificacións de créditos expostas por máis de 22 millóns "para o pago de débedas contraídas, sen soporte xurídico", algo que "esixe explicacións por parte do alcalde e un consenso" entre os grupos. Por tanto, solicitaron a súa retirada da orde do día, o cal tamén apoiou o BNG. O portavoz nacionalista, Luís Seara, advertiu que xa se pronunciaría sobre o contido das modificacións de crédito "cando sexa convocado o pleno", á vez que recalcou o seu rexeitamento á modificación das bases que propón o goberno de Jácome e lembra que "xa foron empregadas" no Consello Municipal de Deportes. Jácome cualificou o rexeitamento da oposición na comisión do pleno como "secuestro do Concello" ao impedir as achegas. Así, tras a petición do resto de grupos, o rexedor accedía a convocar, seguidamente, unha xunta de portavoces.

O alcalde de Ourense en funcións, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense en funcións, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Agostime -

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta