Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2024 | Actualizada ás 12:32
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que os nacionalistas solicitarán a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que explique a súa "renuncia" a que Galicia teña "a chave do seu diñeiro" tras a reunión este venres co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Nunha intervención este sábado na Cámara galega no marco dunha nova edición dos encontros 'Parlamento Aberto', Pontón reivindicou que a comparecencia de Alfonso Rueda é "urxente", xa que considera "moi grave" que o presidente da Xunta "renuncie" a darlle a Galicia "máis recursos".
Así, criticou que o titular do Goberno galego "está a debilitar a posición negociadora de Galicia ante o Estado". "El mesmo recoñeceu onte que Sánchez non lle ofreceu unha quita da débeda porque xa a rexeitou de antemán", censurou.
Nesta liña, asegurou que o Bloque ve "con preocupación" que Galicia "perde", mentres Rueda "en lugar de defender a axenda galega está a defender a axenda que lle marca o PP desde Madrid".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.