Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2024 | Actualizada ás 11:07
A Consellería de Sanidade volveu a sacar a licitación o servizo de transporte para a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) por 3,6 millóns de euros (1,8 millóns por ano), un millón máis que o prezo inicial, ao quedar deserto o primeiro procedemento. A adminsitración lanzara a licitación este servizo por primeira vez a finais de febreiro, tal e como consta no Portal de Contratos Públicos de Galicia. Tiña un valor estimado de algo máis de 2,6 millóns.
Con todo, o prazo de presentación de ofertas finalizou o 1 de abril sen que houbese candidatos. Por tanto, ADOS tivo que declaralo deserto e volver aprobar a súa saída a concurso o 20 de setembro, o pasado domingo. As empresas interesadas poderán remitir as súas propostas ata o 22 de outubro. Para facer máis atractivo o contrato, o seu prezo de adxudicación incrementouse ata superar os 3,6 millóns de euros (1,8 millóns ao ano) para adaptalo "aos prezos do mercado", tal e como explica a Consellería nun comunicado. O prazo de vixencia será de dous anos, prorrogables por outros dous.
Entre as prestacións obxecto deste contrato están a recollida e entrega de sangue e compoñentes sanguíneos na sede de ADOS, en Santiago de Compostela; o seu transporte e entrega nos distintos hospitais da rede do Sergas e a súa recollida nos sete locais de doazón e nas unidades móbiles, ademais da recollida de sangue de cordón umbilical nos hospitais públicos e as recollidas para colectas especiais.
MÁIS DE 103.000 DOAZÓNS O ANO PASADO
O ano pasado recolléronse en Galicia máis de 103.000 doazóns de sangue, o que a converte na quinta comunidade con maior índice, cunha participación tres puntos por encima da media estatal. Ademais, a Xunta remarca "o carácter solidario" dos máis de 15.000 galegos que forman parte do rexistro español de doantes de medula ósea. No que vai de ano, ata o 15 de setembro, inscribíronse nel outras 1.004 persoas, un importante incremento con respecto aos 870 doantes rexistrados nos doce meses do ano anterior. Así mesmo, Galicia rexistrou un aumento do 57 por cento no número de doantes de órganos e do 32 por cento nos transplantes durante o primeiros cinco meses de 2024, con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.