Adrián Neira, polbeiro: "Galicia non dá suministrado polbo para o que nos facturamos anualmente, sería imposible"

Tes claras as diferenzas entre polbo galego e polbo marroquí?.

Por Amanda Fernández | Lugo | 28/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Galicia Confidencial aborda a cuestión da escaseza de polbo galego, pero nesta reportaxe centrámonos no polbo que se come maioritariamente nas feiras, que é marroquí. Así, as feiras non corren perigo e teñen polbo e polbo. Tes claras as diferenzas? Es consciente disto? Falamos con Adrián Neira, administrador da empresa Pulpería Neira, que traballa feiras e eventos co polbo como maior atractivo. Considera que a situación actual non dista moito da de anos atrás, que a cousa vaise mantendo e levan 16 anos en activo. Isto débese a unha "clientela fixa nun 90%" que é fiel ás feiras da contorna, como Láncara, A Pobra de San Xulián, Sarria, O Incio... "En verán si que se nota que vén máis xente e estamos algo máis saturados, pero normalmente son familia desa clientela fixa, que ten a tradición", comenta. 

Infografía coas diferenzas entre polbo galego e marroquí
Infografía coas diferenzas entre polbo galego e marroquí | Fonte: Elaboración propia

Con este panorama asegura que se manteñen nun mesmos estándares dun ano para o outro, aínda que se dedican máis a venda de polbo en eventos. "Facemos as feiras que nos corresponde por ubicación e logo as catro ou cinco que son de ano, máis especiais e de maior alcance", indica. 

HAI MENOS POLBO? A RACIÓN É MÁIS CARA? 

Este polbeiro expón que "a producción está ben", pero que o complicado é "conseguir polbo de calidade". Isto hoxe en día é menos doado do que viña sendo fai anos, con moito "polbo mexicano de peor calidade". Así, di que un "polbo mediocre pode saír barato", pero que obter un de calidade supón loitalo e ter a confianza dos "distribuidores de sempre". Agora mesmo teñen a ración a 12 euros, que aumentou por esta cuestión de que "non está á man de todos conseguir un producto de boa calidade" e polo custo do aceite. Porén, comenta que hai moitos lugares nos que se pode comer por 9 ou 10 euros: "Consideramos que a mercancía boa hai que pagala e por iso témolo algo por riba". 

Este polbo que se vende na feira non é galego, senón marroquí. "Galicia non dá suministrado polbo para o que nos facturamos anualmente, sería imposible", afirma Adrián en relación ao que gastan, tanto a súa empresa como o resto do sector, que depende de ano e temporada. Porén, cifra en 200 quilos de polbo o que precisan por feira, facilmente. É consciente a xente de que o polbo á galega, que se come en Galicia, non é galego? "Á xente, por norma xeral, o que lle importa é que a mercancia estea boa. Se está mal si que rápido preguntan de onde se trae ese polbo. Se gusta, se está bo, non importa de onde o traias", comenta. 

A pulpería Neira nunha feira
A pulpería Neira nunha feira | Fonte: Cedida

"O POLBO GALEGO ESTÁ MOI BEN NUN RESTAURANTE PARA COCER E SERVIR"

"Todo o mundo pensa que polbo de aquí é o mellor, o máis valorado, pero o de fóra está máis cotizado", destaca. Entre as diferenzas, indica que, nos anos que leva, o polbo galego é moi adecuado nun restaurante "para cocer e serviro ao momento". Entón, sostén que "o polbo galego para o que é a feira non valería" porque se queda máis pequeno i en presenza é máis escuro. "Non podes telo media hora no caldeiro agardando polo cliente", o marroquí ten un rendemento máis alto. Sinala que realmente comparten o 99% da xenética, pero que teñen diferencia en canto a tamaño, cantidade e cor. Se ben é certo que, comenta, o polbo galego ten un pouco máis sabor, pero o marroquí aguanta máis i é máis doado de servir.  

Nesta liña, reflexiona sobre a concepción social dos galegos cara ao polbo: "A xente está acostumada a comelo barato e os de fóra aprecian máis o producto e están máis dispostos a pagalo". Opina que a nivel negocio sería máis rentable, facendo o mesmo, dedicarse ao polbo en Xixón ou noitro punto da península ca en Galicia. "Aquí en moitas feiras hai un perfil de público concreto, persoas maiores duns 90 anos, que levan 50 vindo á feira e están acostumadas a pagar 300 pesetas polo polbo, polo que os 12 euros xa se lle fan costa arriba", expón. 

Volvendo á cuestión da posibilidade de vender polbo galego na feira, reitera que "por cantidade sería inviable" e engade: "Cada barco pode coller uns 30 quilos e tería que suministrar a unha soa empresa coma a nosa, con 200 quilos por feira, xa terían que ser todos os barcos de Galicia para suministrar a dúas empresas na campaña de verán". Afirma que como Marrocos non "ten límite de captura" poden sacar do mar canto polbo hai ata que se acabe, mentres que "en España está regulado doutra maneira". 

AQUÍ AS PRINCIPAIS DIFERENZAS 

Que non che dean gato por lebre, sabes distinguir o polbo galego do polbo marroquí? Como primeiro punto destacamos á diferente morfoloxía: o galego ten máis cabeza e promedia un peso de dous quilos, mentres que o marroquí ten o corpo máis alongado e delgado, cun peso aproximado dun quilo. Tamén a cor é relevante, o de aquí soe tirar cara ao cobre con maior intensidade e o marroquí soe ser dun marrón grisáceo. Activando o olfato tamén un pode atopar distincións, o de aquí ole máis forte e resulta máis característico. 

Os padares tamén saben distinguir porque hai diferencias no sabor: o polbo galego tende a ser máis suave, pero tamén máis intenso; e o africano ten unha textura máis firme e cun sabor menos característico, pero tamén bo. Importante neste punto a cocción, o galego tende a quedar máis brando e resulta difícil de tratar ao ser sensible e perder fácilmente a pel; mentres que o de fóra tende a ser máis duro. 

E o prezo? Aquí a variación é considerable, o galego vén da captura de xeito tradicional, empregando artes de pesca, mentres que o marroquí é capturado con métodos máis eficientes i económicos. No prezo ten especial relevancia a cantidade, o de aquí é máis escaso e non pasa por un bo momento e o que vén do Mediterraneo, é máis abundante. 

Un dos polbos cociñados na Festa do polbo celebrada no Carballiño
Un dos polbos cociñados na Festa do polbo celebrada no Carballiño | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta