Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 20:32
O Partido Socialista e o BNG afearon o "abuso" que, para os grupos da oposición na Cámara galega, realiza a Xunta coa contratación menor, é dicir, a que non require de procedemento público ao non alcanzar o limiar mínimo legal e que suma o 40 % do total da contratación da Administración autonómica. Isto último apuntado polo Consello de Contas en 2022 foi destacado este martes pola deputada socialista Patricia Iglesias durante a defensa dunha iniciativa, pendente de ser votada ata o mércores, durante lle pleno do Parlamento galego, ao que o PSdeG levou unha serie de medidas para reducir a contratación menor por parte da Xunta.
"É unha cuestión que vai máis aló da legalidade", aseverou Iglesias durante unha intervención na que incidiu que, a pesar de encaixar na legalidade, esta forma de proceder á hora de contratar ten "moitos grises" e permite "beneficiar" a determinadas empresas. "Non podemos normalizar que non pase nada porque empresas do círculo familiar de Feijóo tivesen un trato de favor", afirmou antes de remarcar que existen "indicios" para concluír que compañías como Eulen recibiron contratos "a dedo". Segundo Iglesias, os portais e mecanismos para velar pola transparencia na xestión dos recursos da Administración galega presentan "carencias", non teñen "homoxeneidade" nin "vasos comunicantes", o que dificulta o labor de control e deriva nunha "situación intolerable e moi grave".
Por parte do Bloque, o parlamentario Iago Tabarés acusou ao PP de "non respectar" os principios "de igualdade e transparencia" na contratación pública, que "non están aí" para "amolar" aos populares senón para velar por un correcto manexo dos recursos "de todos". Neste sentido, denunciou que "moitos" contratos da Xunta son "troceados" para impedir que teñan que ser sometidos a concurso, unha práctica que, segundo Tabarés, emprégase coa compañía Eulen, que recibiu "xa" no que vai de ano contratos por valor de 1,6 millóns de euros.
"A Xunta cumpre a lei de contratación e do sector público, tamén cos contratos menores", sentenciou ao comezo da súa intervención o deputado do PP Roberto Rodríguez, que ironizou coa "puntaría" do PSdeG para defender esta iniciativa ao coincidir coa xornada na que han transcedido novidades sobre o caso que afecta a Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez. Rodríguez preguntou a socialistas e nacionalistas se o seu "modelo de transparencia" é o do Goberno de Sánchez, que "acumula advertencias" de Bruxelas ou de Facenda por "irregularidades" na xestión de entes como Adif ou "o CIS de Tezanos". "O limiar para desempeñar un cargo público non o marca a legalidade, márcao o desempeño do mesmo", engadiu finalmente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.