Folga indefinida na CRTVG para denunciar externalizacións e "manipulacións" en programas como O Termómetro

A Corporación defende que este programa "conta con todas as garantías legais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/09/2024 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

As asembleas de traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) ratificaron a convocatoria de folga indefinida realizada polo Comité Intercentros dos medios públicos ante o seu "desmantelamento", xa que denuncian externalizacións e "manipulación". A folga terá lugar os días: 7, 9, 11 e 14 de outubro. De non producirse avances para esa data, a protesta será de carácter indefinido a partir do 16 de outubro, coa mesma alternancia de mobilizacións os luns, mércores e venres.

Reclaman o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social para a participación dos profesionais na toma de decisións de condicións laborais e futuro modelo. A franxa horaria afectada polos paros será desde as 11.30 ás 13.00 horas por coincidir coa emisión do novo programa O Termómetro, unha coprodución sucesora do programa de produción propia A Revista, o cal levaba máis de 20 anos en antena.

Nun comunicado, o Comité Intercentros alerta de que este programa "dilapida recursos públicos" ao custar 16.000 euros diarios, segundo as súas cifras, e "facilita a manipulación informativa", "profundando na estratexia de desmantelamento" dos medios públicos. Agrega que ese programa, que se realiza nas instalacións compostelás de San Marcos, limítase á parte técnica, "pasando a mans das produtoras O Papaventos TV e Producións Audiovisuais Setemedia o control dos contidos". Sostén que esta fórmula facilita a "manipulación informativa" e prevé unha xudicialización por cesión ilegal de traballadores, no que identifica cunha "malversación de recursos públicos".

Igualmente, chaman a atención acerca de que recentemente "a dirección da CRTVG externalizou tamén na Radio Galega o programa Convivir en Igualdade (agora Seres) e desmantelou os programas Sala 5 e Atmosféricos". Todo iso nun contexto no que a Xunta presentou un anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos, o cal busca, segundo o Comité Intercentros, converter á radiotelevisión de Galicia "no maior órgano de propaganda do Partido Popular". "Unha burla á democracia", resumiu.

POSTURA DA CRTVG

Por parte da CRTVG trasládase a Europa Press que se respecta o dereito á folga, aínda que lamenta que "unha vez máis" o Comité Intercentros "se opoña á colaboración da Corporación RTVG co sector audiovisual de Galicia para crear contidos de entretemento". "A fórmula empregada no programa O Termómetro conta con todas as garantías legais e é similar a esquemas de produción que se desenvolven tanto en Televisión Española como noutras cadeas públicas autonómicas", afirma a CRTVG.

Concentración de traballadores da CRTVG nunha nova xornada de protestas fronte ao Parlamento de Galicia coincidindo coa comisión de control do ente público
Concentración de traballadores da CRTVG nunha nova xornada de protestas fronte ao Parlamento de Galicia coincidindo coa comisión de control do ente público | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta