O director xeral da CRTVG nega externalización de programas e apela a negociar ante a convocatoria de folga

Defende "rigorosidade" na difusión de información fronte ás críticas de "ocultación" do BNG sobre Altri.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu a "vontade para negociar" coa parte social sobre o convenio e as categorías profesionais, ante a convocatoria de folga indefinida en outubro, en días alternos, no ente público. Mentres, negou externalización de programas e, no seu lugar, falou dun "sistema de coprodución".

Así o expuxo na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación no Parlamento galego. Nela, avanzou unha reunión "inminente", sen concretar data, para abordar este asunto coa representación dos traballadores.

Fronte ás críticas de contratación "deficiente e inestable", realizadas na súa pregunta sobre este asunto por parte da deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta, o director xeral da CRTVG argumentou que se herdou "o sistema de 2009", en alusión á etapa socialista, e reivindicou unha posterior transformación de contratacións en "fraude de lei" por outras para "xerar emprego estable".

Rexeitando unha "externalización" de programas para asegurar, no seu lugar, que o que se busca implantar é "un sistema de coprodución", defendeu a política a este respecto. "Por que é válido en TVE e non válido na TVG", preguntouse. Por outra banda, instou a "tomar con calma" o anuncio de convocatoria de folga "e máis nunha organización como a nosa proclive ao uso destas ferramentas", dixo sobre unha protesta, engadiu, "aprobada nunha asemblea por pouco máis de 40 traballadores dun conxunto de mil".

"OCULTACIÓN" DAS PROTESTAS POR ALTRI

Todo iso nunha Comisión con pregunta tamén do BNG sobre a forma de trasladar a información no ente público. "Só se fala do que lle interesa ao PP en España", argumentou tamén a deputada nacionalista. "Non se informa de nada, nin é opinión, é o gabinete de propaganda do PP", sentenciou.

"A estratexia de confrontación non é un bo camiño", replicoulle o director xeral da CRTVG, que atribuíu a unha "análise de contexto" a forma de trasladar contidos e defendeu que hai "rigorosidade". "Nin analiza, nin dá contexto nin é plural", apostilou Rodil.

"Só unha última advertencia, non imos permitir o ataque reiterado a traballadores e traballadoras dos medios públicos e menos a través de informacións falsas que algúns grupos políticos pretenden transmitir", remarcou, á súa vez, Sánchez Izquierdo.

Mentres, sobre os criterios informativos adoptados pola CRTVG en relación ao informe do Consello da Cultura Galega respecto da implantación do complexo Altri en Palas de Rei, a deputada do BNG Mercedes Queixas sostivo que hai "ocultación dunha parte da información" como "toda a mobilización social contraria a esta macrocelulosa" ou as accións da Plataforma Ulloa Viva.

"E un paso máis neste delirio informativo co informe do Consello da Cultura Galega", manifestou tras afirmar que non "se informou" do mesmo pero si "do cuestionamiento" do seu contido por parte de membros do PP. "Só impórtalles defender a Altri", aseverou.

"Informouse as alegacións, das protestas e da posición crítica da portavoz nacional do BNG e deuse voz a outras organizacións, dicir o contrario é falso", incidiu o director xeral da CRTVG, quen cualificou de "extensa e diversa" a cobertura.

Redacción da CRTVG con asentos baleiros pola folga na CRTVG /  COMITÉ DE EMPRESA CEDIDA / Europa Press
Redacción da CRTVG con asentos baleiros pola folga na CRTVG / COMITÉ DE EMPRESA CEDIDA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta