A marcha dun edil do PP aos non adscritos complica o goberno en Noia

O rexedor popular critica a "deslealdade" do que ata agora era edil de Persoal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2024 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Noia (A Coruña) quedou cun goberno en minoría encabezado polo popular Santiago Freire, quen volveu coller o bastón de mando tras as municipais do ano pasado ao reeditar o pacto entre populares e NOIA. Os sete edís do PP e os dous da formación independente sumaban a maioría dunha corporación de 17 concelleiros, na que os outros oito están repartidos entre PSdeG (4), Marea Cidadá (2) e BNG (2).

Con todo, no pleno que tivo lugar esta semana a situación cambiou nesta localidade, despois de que Luís Alamancos, edil que foi nas listas populares --e que era ata agora responsable da área de Persoal no Concello--, dese o paso de votar en contra da aprobación definitiva dos orzamentos de 2024, antes de dar conta do abandono dos seus cargos e o seu paso ao grupo de non adscritos.

En declaracións a Europa Press, o alcalde, Santiago Freire, tachou de "deslealdade" a actitude deste concelleiro e asegurou que, a pesar de ter constancia do seu "achegamento a algún outro grupo", en ningunha reunión previa trasladara a súa intención de deixar o goberno ou tombar os orzamentos, polo que, asegura, o que fixo foi "unha sorpresa".

"Non comentou nada e o argumento da RPT é unha escusa, el mesmo era o responsable de persoal e podía expor calquera cuestión, pero non o fixo", esgrimiu o alcalde, cuxo obxectivo é seguir traballando para articular os "mellores" orzamentos para 2025, tras a prórroga dos deste exercicio.

E aínda que a inestabilidade será maior co goberno en minoría, o rexedor afirmou que sería "máis complexo" que se puidese fraguar unha moción de censura posto que o concelleiro que se pasa a non adscritos foi nas listas do PP e entraría en xogo a lei antitransfuguismo.

Oex  conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visita o centro de saúde do municipio.. XUNTA
Oex conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visita o centro de saúde do municipio.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta