Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2024 | Actualizada ás 20:22
Un total de 75 voluntarios de Actúa, o programa de voluntariado da Obra Social de Abanca, retiraron media tonelada de especies exóticas invasoras e máis de 100 quilos de lixo mariño da illa de Sálvora.
Así, un grupo de persoas retirou lixos mariños nas praias de Almacén, Area dos Bois e Zafra, onde atoparon, fundamentalmente, obxectos relacionados co ámbito dos cultivos mariños e da pesca, como os trebellos plásticos das bateas, pequenos anacos de sedelas, cabos, nasas e aboias.
Tamén retiraron outros obxectos alleos aos traballos do mar, como envoltorios, botes, tapóns e botellas, bastoncillos plásticos dos oídos e de lambetadas, chisqueiros, entre outros. En total, foron 114 quilos segundo reflectiu o total das pesadas efectuadas tras os traballos de clasificación de residuos cos que adoitan a finalizar este tipo de limpezas.
Mentres, en paralelo, e noutra zona da illa, diferentes grupos de voluntarios traballaron na retirada de varias especies exóticas invasoras. Desta forma, conseguiron retirar máis de 500 quilos de flora exótica nunha actuación desenvolvida en colaboración co Parque Nacional, dentro do proxecto europeo Life Insular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.