Consolídase a aposta dos mozos galegos pola FP: 68.823 matriculados este curso e unha alza do 7 % nun ano

Supoñen o dobre que no curso 2008-2009 (34.766 matriculados).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns de que os ensinos de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "unha nova marca" con 68.823 alumnos, o que supón un incremento dun 7 % (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e o dobre que no curso 2008-2009 (34.766 matriculados). Tras a reunión semanal do seu Goberno, reivindicou que é a mostra da "revolución silenciosa" que a FP vive en Galicia nos últimos anos e é froito do traballo feito polo Executivo autonómico para mellorar, modernizar e adaptar estes estudos ás necesidades do tecido produtivo galego.

"O crecemento é xeneralizado en todas as modalidades de FP e en todo o territorio da comunidade", argumentou o presidente, quen apuntou que "estes datos acreditan que se vai polo bo camiño". O informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que foi elevado ao Consello da Xunta constata que este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas.

ALTA ESPECIALIZACIÓN

Neste sentido, Rueda destacou especialmente o crecemento da matrícula nos títulos de alta especialización, "unha formación exclusiva" da comunidade, cun 59 % de subida entre as 24 titulacións deste tipo ofertadas para este curso. O mesmo sucede cos másteres de FP, cuxa matrícula se volve a incrementar este ano tamén cunha subida da demanda do 59 % así como a modalidade de FP dual intensiva, que consegue un incremento de matriculados do 36 %.

Neste curso hai 5.643 persoas matriculadas nun ciclo formativo básico (un aumento do 5,4 %), 25.397 nun ciclo de grao medio (4,1 % máis) e 37.783 persoas matriculadas nun ciclo de grao superior (un 8,5 % máis). Nestes momentos, tendo en conta a evolución demográfica, estímase que se está conseguindo o teito de matrícula de FP polas vías convencionais cunha estabilización de cara aos próximos anos. Dado este contexto, a Xunta recalcou que traballa en abrir unha novo paradigma da FP a través do 'Plan FPGal360', explorando fórmulas innovadoras de aproveitamento do potencial destes ensinos que permitan seguir atraendo persoas á FP galega.

DEMANDA ALCISTA NO RURAL

Segundo os datos facilitados polo Executivo autonómico, a formación profesional galega afianza o seu éxito cun crecemento xeneralizado de matrículas en distintos niveis e modalidades, así como no conxunto do territorio. O reforzo da oferta de FP no rural (co maior número de prazas dispoñibles ata agora) tamén se reflicte nun aumento da demanda neste ámbito, cun aumento de matrícula de case o 8 % e con máis alumnos que nunca. No rural este ano os estudantes puideron escoller entre un total de 7.631 prazas, un 11,5 % máis (789 prazas máis) que o pasado.

REDE DE CENTROS INTEGRADOS DE FP

A Xunta destacou o papel que desempeña a Rede de centros integrados de FP (CIFP), que non parou de crecer nos últimos anos, ao pasar dos 9 que había en 2009 aos 28 actuais tras a recente incorporación do Audiovisual de Vigo, Montecelo de Pontevedra e Vilamarín de Ourense, en 2023, e da Escola de Cantaría de Galicia (Poio), en 2024. Non en balde, estes 28 centros que conforman a Rede incrementaron este ano o número de matriculados en case un 9 % e concentran o 49 % do total de alumnado de FP matriculado en Galicia.

O Goberno galego concluíu que o crecemento xeneralizado da matrícula reflicte unha resposta positiva á oferta "ampla e variada" de ciclos de FP deseñada pola Consellería de Educación para este curso, con 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas tras un proceso de diálogo coa comunidade educativa e cos sectores socioeconómicos galegos.

Neste sentido, os matriculados puideron escoller entre 214 titulacións diferentes (17 delas de nova implantación) repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais. Os datos analizados no Consello da Xunta fan fincapé nas principais cifras de matrícula de FP neste curso, das que, segundo anticipou a Xunta, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, informará este martes de maneira máis detallada.

Varias persoas aprenden mecánica no IES Universidade Laboral
Varias persoas aprenden mecánica no IES Universidade Laboral | Fonte: Agostime - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta