Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 12/01/2016
O que non coñecía eu é unha acepción desta palabra que nunca escoitara até o outro día, nun xantar familiar de Nadal onde, como en todas as casas, se falou de Podemos. Un tío meu con moita retranca ao se referir a Pablo Iglesias pasou uns metros por riba do epíteto tópico de “Coletas” e preguntou como quen non quere a cousa: “El non terá facendas na testa?”Unha maneira coma outra calqueira de chamar piollento ao lider podemita. Estamos nuns días nos que os “inequivocamente demócratas” (Vargas Llosa dixit) adoitan referirse aos membros de Podemos e a CUP como piollentos, tragaldabas, nugalláns cheirentos, zarapastrosos, etc...
Salvando o casposo desta piollenta definición, as presuntas facendas de Pablo Iglesias aseméllanme unha perfeita metáfora do que está a acontecer na vida política española arestora. Os piollos da cacheira do líder podemita escoan polas súas guedellas e infíltranse nas testas dos partidos da 2ª Restauración. Os lideres apestados, cando se decatan do contaxio, xa están perdidos. Porque, para min, esta é a cerna da cuestión: Pablo Iglesias xa gañou. Pode esmorecer para sempre o partido dos 69, pode caír naquilo mesmo que critica, pode rematar sendo unha caricatura do estilo de Dany o vermello... pero xa fixo o imposible no Reino de España. Polas súas vítimas coñecerédelo: Artur Mas ou o tardopujolismo andorrano, Garzón ou o epígono facebookomunista, a dereita cavernaria e corruta dos Rajoy, Aguirre e demais calorets, e o Partido Socialista Obrero Español dun tal Sánchez. Non está nada mal para alguén que dixo sentirse canso ao comezo da campaña eleitoral diante do super vitaminado e mineralizado (Primo) de Rivera ou de Zumosol, que un xa nin sabe.
O Diccionario Galego-Castelán de Francisco Javier Rodríguez (1854) recolle tamén como acepción de facenda “los testículos de un animal”. Collós tampouco lle faltan a quen cruzou as liñas inimigas nas cadeas televisivas cavernarias.
As facendas de Pablo Iglesias conlevan como efeito secundario a máis pérfida envexa. Sobre todo neses veteranos adiviños politólogos (Barreiro, Blanco Valdés, Ónega...) aos que lle doe España nas colunas de opinión, que rañan e rañan no seu amor propio, doídos porque un tipo novo mude o panorama no que tan ben instalados levan durante décadas.
Pero as facendas de Pablo Iglesias tamén se estenden pola competencia. A algúns colleunos de sotaque. Inda recordo aquela tertulia no que unha lideresa nacionalista galega clamaba na televisión contra o televisivo Iglesias, a quen ninguneou dicindo: “E agora chega este señor e que pasa, que o resto levamos facendo o parvo en política durante anos?” Probablemente si, sobre todo cando por rabuda, ferreña e rebeza quedas fóra dos parlamentos.
A outros, a chegada podemita obrigounos a trocar cousas que ninguén quería trocar: eleccións primarias, relevo xeracional, acenos de transparencia, tentativas de mellora na comunicación, críticas á oligarquía corrupta, reelaboración dos discursos ideolóxicos... Ás máis das veces, a emulación converteuse en sucedáneo cutre, velaí están os xoves valores do PP, Maroto, Hernando ou Levi... manda chover na Habana!. No caso do PSOE as cotas de surrealismo e traxicomedia rallan co esperpento. Nestes tempos a “xente de orde” gosta de falar dos antisistema. Eu creo que antisistema por definición é Pedro Sánchez, que vai ser engulido polo sistema corrupto no que se instalou o PSOE en democracia. A presidenta de Andalucía está moi cómoda neste Estado das autonomías, porque as autonomías foron un choio para o caciquismo de Fragas, Pujoles, Bonos, Chaves, Ibarras, Revillas e demais. Por iso a esta señora lle preocupa tanto a unidade de España. Na reunión do Comité Federal do PSOE, as facendas deste Pablo Iglesias aniñan na rosa daqueloutro Pablo Iglesias.
Estes líderes comestos polas facendas podemitas van acabar desesperados e cometerán o erro da rapariga do conto da moura, que ao chegar ao tendal elixe a tesoura de ouro. Con ela Sánchez, Garzón et alii tentarán rabanar de raigame as guedellas para acabar coas facendas, cando xa é demasiado tarde.
Seguindo co ricaz folklore galego, en certas partes da montaña luguesa, antes de sacar da casa o cadavre do cabo da casa, ceibábase a facenda. Noutros lugares, era a propia facenda quen guiaba a comitiva fúnebre cara ao camposanto.
As facendas de Pablo Iglesias dirixirán nas vindeiras semanas a última viaxe de máis dun cadavre político que, coma o que topa coa Santa Campaña, aínda non sabe que morreu de vez.
“Mal empregada está a facenda en quen non é señor dela”.