Por Galicia Confidencial | Arzúa | 04/10/2024 | Actualizada ás 09:00
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha por noveno ano consecutivo o programa cultural Outono a escena que dinamizará as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
A programación, con 14 propostas escenicas, terá como escenario principal o da Capela da Madanela que acollerá diversos espectáculos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar.
Este sábado, día 5 de outubro, ás 18:00 h levarase a cabo a primeira función para público infantil e familiar co espectáculo de teatro e música Palabras, unha representación a cargo da compañía Baobab Teatro.
As propostas dos Sábados en familia traerán tamén unha función de teatro infantil encadrada no programa Camiño Escena Norte no que o Concello de Arzúa participa unha edición máis. Desta vez a compañía Pájaros Pintados, chegada desde Navarra, representará a obra El jardín de Oliva ás 18:00 h do sábado 19 de outubro.
No mes de outubro tamén se agardan outras propostas para público adulto, dentro dos Venres na Capela, coa presentación do libro Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de Xosé Carlos Carracedo Porto o venres 18 e o espectáculo de narracion oral e música de autora Matrioskas de Marta Ortiz e Sofía Espiñeira o venres 25.
Como gran novidade, Arzúa acollerá dentro desta programación o Culturgal Expandido. O mellor das culturas galegas con literatura, música e teatro os días 11 e 12 de outubro.
A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro cos monólogos, os venres na Capela da Madalena, de Leti da Taberna (8 novembro) e a polifacética creadora Esther F. Carrodeguas (29 novembro). No que respecta ás actividades dirixidas ao público escolar, baixo o título "Día do Infancia", programaranse diferentes obras teatrais pero tamén outras interesantes propostas como un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, ou un obradoiro baixo o título "Falamos, Rap e Saúde Mental".
Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.