O paro en Galicia sobe case un 2% tras, moi por riba da media estatal do 0,1%

Son 2.314 persoas máis nas listas de desemprego en setembro tras a fin da tempada turística. A Seguridade Social perdeu en Galicia unha media de 7.040 cotizantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2024 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego subiu en 2.314 persoas en setembro, en comparación con agosto (+1,95%), tras o fin da tempada turística, segundo datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press.

Desta maneira, o paro increméntase en Galicia moi por encima que na media de toda España, xa que a nivel estatal o crecemento foi do 0,1%, con 3.164 desempregados máis. Así, en Galicia había en setembro 120.992 parados, 9.651 menos que hai un ano, caendo un 7,39% respecto ao noveno mes de 2023. O descenso interanual a nivel nacional foi do 5,41%, ata 2,57 millóns de desempregados.

Entre outros datos, o 59,1% dos parados galegos era muller, mentres que un 4,13% tiña menos de 25 anos. Por sectores, todos ampliaron o seu número de parados, cos servizos á cabeza, con 1.491 desempregados máis en Galicia. En concreto, o 71,3% das persoas sen emprego na Comunidade pertencía ao devandito sector.

Ademais, ata 80.308 persoas en Galicia cobraban algún tipo de prestación por desemprego, das cales 39.920 eran prestacións contributivas. De media, estes últimos percibían 941,60 euros.

Fachada dunha oficina de emprego do SEPE
Fachada dunha oficina de emprego do SEPE | Fonte: Fernando Sánchez - Europa Press

SEGURIDADE SOCIAL

Pola contra, a Seguridade Social perdeu en Galicia unha media de 7.040 cotizantes en setembro, en comparación con agosto (-0,64%), ata situarse por encima dos 1,08 millóns de afiliados, segundo datos publicados este mércores polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press.

Estas cifras contrastan coas rexistradas a nivel estatal, xa que no total de España a Seguridade Social gañou 8.805 cotizantes o mes pasado, un 0,04% máis respecto de 30 días antes, debido á 'volta ao cole', que supuxo un repunte da ocupación na educación de case 50.000 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta