Estudantes e profesores da EUATC coñecen o procedemento de elaboración da lousa en Valdeorras

A expedición da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña visitou días atrás unha canteira de extracción e as naves de elaboración.

Por Galicia Confidencial | Sobradelo de Valdeorras | 03/10/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Un grupo de estudantes e profesores da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña visitou Valdeorras o pasado 27 de setembro para coñecer sobre o terreo, e coa explicación de profesionais do sector, o proceso de elaboración da lousa, así como tamén as posibilidades que lles ofrece aos futuros arquitectos técnicos.

Alumnado e profesores da EUATC visitan nunha nave de elaboración de lousa. Fonte: Clúster da Pizarra de Galicia.
Alumnado e profesores da EUATC visitan nunha nave de elaboración de lousa. Fonte: Clúster da Pizarra de Galicia.

Na liña de accións conxuntas que a Agrupación industrial da Lousa de Galicia vén realizando coa Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, a visita realizada vén a completar a conferencia técnica “A lousa galega: Prestacións e construción”, que o doutor en Dirección Integrada de Proxectos e experto en Enxeñería da Edificación e Execución de Obras, Santiago López Piñero, realizou na citada escola universitaria, o pasado 18 de setembro.

PROMOCIÓN DA LOUSA GALEGA

Conferencias e visitas especializadas, son ferramentas contempladas no Plan de Promoción recentemente presentado pola Agrupación industrial da Lousa de Galicia, tendo presente que o colectivo de arquitectos e arquitectos técnicos, é un dos prescritores de material de construción máis importantes do sector. Os relatorios son unha ferramenta para tratar de conseguir un maior coñecemento sobre a lousa por parte do alumnado, que se complementa coa experiencia de coñecer de onde vén e como se extrae o produto en orixe, o que lles axudará a apreciar o seu valor. Neste último punto insírese a visita devandita a unha canteira de lousa na Comarca de Valdeorras.

Visita de alumnado e profesorado da EUATC a unha canteira de lousa. Foto: Clúster da Pizarra de Galicia.
Visita de alumnado e profesorado da EUATC a unha canteira de lousa. Foto: Clúster da Pizarra de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta