Sabes cales son os oito concellos que non rexistraron nin un só nacemento no 2023?

Aínda que 5 deles si se atopan na provincia de Ourense, tamén hai dous na de Lugo e un na da Coruña. Tamén hai 132 que estiveron por debaixo dos 10.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A baixa natalidade é un dos problemas xeralizados en toda España, sen embargo, en Galicia, semella que a cousa é aínda máis grave a cado ano que pasa. O pasado ano 2023 houbo un total de 8 concellos galegos que non rexistraron nin un só nacemento, pero nos que seguiu morrendo xente, como resulta lóxico nunha sociedade envellecida coma a nosa. Ademais, un total de 132 concellos (dos 313 que hai no conxunto de Galicia) das catro provincias (a maioría deles nas de Ourense e Lugo), rexistraron menos de 10 nacementos. O GC analiza os datos máis recentes ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos á natalidade nos diferentes municipios galegos.

Aldea no Concello dos Blancos, na provincia de Ourense
Aldea no Concello dos Blancos, na provincia de Ourense | Fonte: Galipedia

En concreto, deses 8 concellos que non rexistraron ningún nacemento o pasado ano, 5 atópanse na provincia de Ourense: Os Blanco, Parada de Sil, A Teixeira, Gomesende e Rubiá. Outros 2 están na provincia de Lugo: Navia de Suarna e Muras. O restante está na provincia da Coruña: Santiso. Ademais, na provincia de Ourense tamén houbo no 2023 un total de 18 concellos que rexistraron un único nacemento: Entrimo, O Irixo, San Amaro, Baltar, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Padrenda, Manzaneda, San Xoán de Río, O Bolo e A Veiga. Mentres que na de Lugo foron 3 os que tiveron un único novo bebé o pasado ano: Negueira de Muñiz, Trabada e Folgoso do Courel. Pola súa banda, nin na provincia da Coruña nin na de Pontevedra houbo concellos que rexistrasen o pasado ano un único nacementos.

DOCE COMARCAS ENTEIRAS POR DEBAIXO DOS 50 NACEMENTOS

Os 313 concellos galegos están á súa vez divididos en estruturas poboacionais máis grandes, que son as comarcas, un total de 53. Cada comarca abarca varios municipios dentro da mesma, pero aínda con todo no 2023 houbo 12 comarcas que, no seu conxunto, non conseguiron sobrepasar os 50 nacementos: na provincia de Ourense, Terra de Caldelas (8), Terra de Trives (10), Baixa Limia (15) e Viana (20); na provincia de Lugo, Quiroga (13), A Fonsagrada (15), Meira (24), Os Ancares (28) e A Ulloa (41); na da Coruña, Ortegal (27) e Muros (41); e na de Pontevedra, A Paradanta (46). 

Por orde ascendente de nacementos, as comarcas da provincia da Coruña tiveron os seguintes rexistros o pasado 2023: a comarca da Coruña (2.303), a de Santiago (1.012), a de Ferrol (715), a do Barbanza (375), a de Bergantiños (374), a de Ordes (203), a de Betanzos (194), a de Noia (149), a de Fisterra (104), a de Eume (95), a de Arzúa (86), a do Sar (70), a de Terra de Soneira (65), a de Xallas (63), a de Terra de Melide (62), a da Barcala (54), a de Muros (41) e a de Ortegal (27). Como se pode observar, sacando as comarcas que inclúen as tres grandes cidades da provincia, as comarcas que obtiveron mellores rexistros de natalidade foron o Barbaza e Bergantiños, pois superaron os 370 nacementos; seguiríalles, pero xa moi lonxe, por enriba dos 200 nacementos, a comarca de Ordes.

Aldea no Concello de Muras, na provincia de Lugo
Aldea no Concello de Muras, na provincia de Lugo | Fonte: Wikipedia

No caso da provincia de Pontevedra, os rexistros de nacementos de cada comarca ordenadas de menor a maior correspondentes ao pasado ano foron estes: a comarca de Vigo (2.272), a de Pontevedra (685), a do Salnés (588), a do Morrazo (364), a do Baixo Miño (280), a do Deza (231), a do Condado (222), a de Caldas (149), a de Tabeirós-Terra de Montes (102) e a da Paradanta (46). Así as cousas, sacando as comarcas nas que se inclúen as dúas grandes cidades da provincia, a comarca con mellor rexistros de natalidade, superando por moito ás demais, foi a do Salnés, con máis de 580 nacementos no 2023; habería que baixar ata a contorna dos 360 nacementos para atopar a comarca situada en segundo lugar, que é a do Morrazo; e xa ata os 280 para chegar á que se atopa no terceiro posto, a do Baixo Miño.

Pasando á provincia de Lugo, as comarcas da provincia rexistraron o pasado ano 2023 as seguintes cifras de nacementos: a comarca de Lugo (731), a da Mariña central (162), a de Sarria (138), a de Terra de Lemos (tamén 138), a da Mariña occidental (106), a de Chantada (56), a da Ulloa (41), a dos Ancares (28), a de Meira (24), a da Fonsagrada (15) e a de Quiroga (13). Facendo o mesmo exercicio que nos outros casos, sacando da ecuación a comarca que inclúe a grande cidade da provincia, os mellores rexistros de natalidade obtenos a comarca da Terra Chá, seguida de preto pola da Mariña central, ambas as dúas por enriba dos 160 nacementos; quedando o terceiro posto para a comarca de Sarria, por enribe dos 130 nacementos.

Finalmente, na provincia de Ourense, os rexistros de nacementos de cada comarca do pasado ano quedarían ordenados da seguinte maneira: a comarca de Ourense (749), a do Carballiño (106), a de Valdeorras (99), a de Verín (98), a de Allariz-Maceda (75), a de Terra de Celanova (56), a da Limia (53), a do Ribeiro (51), a de Viana (20), a de Baixa Limia (15), a de Terra de Trives (10) e a de Terra de Caldelas (8). Así, sacando a comarca que alberga a grande cidade da provincia, as tres que andan na contorna dos 100 nacementos no 2023 son a comarca do Carballiño (106), a comarca de Valdeorras (99) e a comarca de Verín (98).

ONCE COMARCAS DE LUGO E OURENSE SUSTENTADAS POR UN ÚNICO CONCELLO

Outra lectura dos datos ofrecidos polo IGE pódese facer en función daquelas comarcas nas que é un único concello (ou, como moito, dous) os que sustentan a maior parte dos nacementos correspondentes a esa comarca. E non acontece en poucos casos, pois das 53 comarcas esta situación dase nun total de 11 (o 21 %): Chantada, A Mariña central, A Mariña occidental, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos, Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Terra de Celanova, Valdeorras e Verín. Máis en concreto, en seis da provincia de Lugo e en seis da de Ourense. Neste indicador, polo tanto, ambas as provincias do interior galego se atopan parellas, sen ser Ourense a que, como acontece na maioría das ocasións, se leva a peor parte.

Así, no caso das comarcas da provincia de Lugo, na de Chantada, que rexistrou 56 nacementos, é o concello homónimo de Chantada a que concentra 38 dos nacementos (o 68 % do total); na da Mariña central, onde houbo o pasado ano 162 nacementos, son os concellos de Foz e Burela os que concentran 61 e 55 nacementos, respectivamente (o 72 %); na da Mariña occidental, que contou con 106 nacementos no 2023, o concello de Ribadeo concentrou 58 (o 55 %); na de Sarria, con 138 nacementos, é o concello homónimo de Sarria o que concentra 96 dos nacementos (o 70 %); na comarca da Terra Chá, que tivo 167 nacementos o pasado ano, só o concello de Vilalba xa aportou 61, e Castro de Rei outros 27 (o 53 %); e na comarca da Terra de Lemos, que tivo 138 nacementos no 2023, o concello de Monforte de Lemos concentrou 104 nacementos (o 75 % do total).

Pola súa banda, nas comarcas da provincia de Ourense, na de Allariz-Maceda, que rexistrou o pasado ano 75 nacementos, o concello de Allariz aportou 41 (o 55 % do total); na do Carballiño, que notificou no 2023 un total de 106 nacementos, o concello homónimo do Carballiño supuxo 74 deles (o 70 %); na da Limia, que tivo 53 nacementos, o concello de Xinzo de Limia aportou á cifra total 41 (o 77 %); na de Terra de Celanova, que rexistrou 56 nacementos no 2023, o concello homónimo de Celanova supuxo xa 20 (o 36 %); na comarca de Valdeorras, que notificou o pasado ano 99 nacementos, o concello do Barco de Valdeorras aportou 72 (o 73 %); e na comarca de Verín, que tivo no 2023 a cifra de 98 nacementos, o concello homónimo de Verín rexistrou el só 66 dos mesmos (o 67 % do total).

Aldea no Concello de Santiso, na provincia da Coruña
Aldea no Concello de Santiso, na provincia da Coruña | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta