Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 17:59
A CIG asegurou que "ningún" dos 375 centros de Secundaria, FP ou réxime especial de Galicia goza das melloras pactadas pola Consellería de Educación cos sindicatos UGT, CC.OO. e ANPE hai un ano para, entre outras cuestións, a baixada de cocientes de alumnos por aula e que se aplica desde este novo curso.
Nun comunicado, a central nacionalista sostén este luns que, "a falta" de recibir información por parte de "moitos" colexios de infantil e primaria, "polo menos 495 centros educativos manteñen recortes" de profesorado este curso 2024/25.
Para a CIG, o feito de que, segundo os seus datos, o 46,13% de centros dependentes da Consellería de Educación "manteñan os recortes" é o "mellor exemplo" do camiño emprendido polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a quen lembran que fale deste como o curso "da maior modernización do sistema educativo galego".
O sindicato nacionalista mantén que o curso iniciado a mediados de setembro "caracterízase por ser un exemplo de manipulación informativa e, sobre todo, de recortes e de falta de iniciativa na mellora do ensino público, especialmente no que atinxe á atención á diversidade e nas condicións de traballo do profesorado".
QUEIXAS
A central lembrou as concentracións e mobilizacións rexistradas nas primeiras semanas de curso e as queixas e incidencias trasladadas por 120 centros de Infantil e Primaria, un número "inédito ata agora", segundo recalca a CIG.
Con todo, considera que o número de centros con problemas "é con seguridade maior", polo que fai un chamamento a que trasladen as súas problemáticas ao sindicato en aras de facelas públicas e, así, "romper o muro de desinformación promovido pola administración e seguido por quen agora, despois de asinar un acordo vergoñoso, ve luces e sombras na aplicación do mesmo", en alusión a CC.OO., UGT e ANPE.
Por último, tamén animan a que as direccións "que recibiron avisos de cargos da consellería ou de responables de inspección" que fagan "caso omiso da censura que lles pretenden impor e proporcionen toda a información da que dispoñan para denunciar a situación na que se atopan nestes momentos o seu centro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.