O cambio climático xa está aquí: e, agora, que? Como o freamos?

Despois de falar das causas e consecuencias dunha problemática que semella que se nos botou enriba antes do agardado, dende o GC preguntamos a expertos en diversos ámbitos que é o que se pode facer para tratar de poñer freo ao avance incesante do cambio climático. Todos coinciden en que se precisan medidas a nivel gubernamental, empresarial e comunitario.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático xa non é algo futuro, é algo que está entre nós, que nos afecta no día a día e que semella que, lonxe de remitir, se agrava cada día que pasa. Como confesa ao GC o catedrático de Economía da Universidade de Vigo (UVigo) Xavier Labandeira, "os científicos cada vez estamos máis preocupados pola rapidez e gravidade do cambio climático". Así as cousas, a pregunta agora é: que podemos facer para conter o seu avance? Dende logo, as grandes medidas teñen que chegar da man dos Gobernos a nivel mundial, de acordos internacionais que impliquen a todos os países (pois este fenómeno non entende de fronteiros), pero tamén é importante que tanto empresas como poboación en xeral tomen conciencia da problemática á que nos enfrontamos e que, de xeito particular, adopten condutas que redunden no combate desta contenda. Toda axuda, por pequena que pareza, suma. "Estamos ante un problema moi grave, máis do que previamos", aseguraba Labandeira, que fai un sostido chamamento a "actuar xa, pasar a unha fase de adaptación ao cambio climático a grande escala, porque imos tarde".

Protesta sobre a inacción dos Gobernos ante o cambio climático
Protesta sobre a inacción dos Gobernos ante o cambio climático | Fonte: EFE - Arquivo

Tanto é así que a doutora en Farmacia profesora na Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Julia Melgar Riol destaca que, a pesares de que "se está loitando dende a Conferencia de París do ano 2015 porque esa temperatura media global non sobrepase os 1,5 grados de incremento tomando como referencia a temperatura da etapa preindustrial (mediados do século XIX)", o certo é que "a cousa non pinta demasiado ben", pois "temos información de que xa en xaneiro do pasado ano 2023 se superou esa cifra, chegando aos 1,56 grados". Apunta a que foi algo puntual, pero fixándonos no conxunto anual, xa non andamos moi lonxe tampouco deses 1,5 graos: "No 2023 estivemos arredor dos 1,45 graos". Así, o de 2023 foi o ano coa temperatura máis elevada a nivel global dende que hai rexistros, é dicir, dende o ano 1958. Antes desa data, como apunta a investigadora, "o período máis cálido fora o verán do 2003".

OS GOBERNOS DEBEN IMPLICAR Á POBOACIÓN NA TOMA DE DECISIÓNS AMBIENTAIS

Con todo, semella que a comunicación entre gobernos e cidadanía non é o suficientemente fluída como para que as decisións que se toman politicamente a nivel climático sexan ben acollidas por parte da xente do común ou das asociacións que a representan. Así, por poñer un exemplo, se a maior parte da poboación está de acordo con que é necesario dar un impulso ás enerxías renovables, por que existe tanta controversia, por exemplo, arredor da instalación de eólicos? Que é o que non se está facendo ben? Segundo o catedrático da Universidade da Coruña (UDC) Ricardo García Mira, "a Unión Europea está promovendo investigación que implique á cidadanía, tanto na xestión da enerxía como da transición enerxética e dos espazos nos que esta ocorre", o problema radica en que, "na práctica, a nivel local, rexional ou nacional, sempre vemos que isto non acaba de acontecer", de tal maneira que "aparecen resistencias que dificultan unha gobernanza coa cidadanía".

Na súa opinión, "hai algo que non funciona", e "os políticos deben mentalizarse de que desempeñar a xestión do ambiente ou a adaptación ao cambio climático que hoxe se promove dende moitas institucións europeas con importantes axudas, significa que hai que contar coa cidadanía, coas organizacións da sociedade civil, con ecoloxistas, con científicos... E iso implica cambios regulamentarios nos sistemas de gobernanza, cambios para os que normalmente todos os políticos adoitan amosarse moi resistentes". De feito, García Mira lamenta que, a día de hoxe, existe cada vez máis confrontación entre as opinións de numerosos movementos sociais e ecoloxistas e as decisións que se adoptan no ámbito da política, cando "o que debería promoverse é a colaboración, facendo desaparecer o maior número de obstáculos á mesma".

Bosque de Naturgy en Cabanas
Bosque de Naturgy en Cabanas | Fonte: Naturgy

O catedrático da UDC convida a coller calquera programa de innovación da Unión Europea para comprobar que "todos eles están promovendo e tratando de que se constrúan pontes entre a política e a investigación, porque a UE tense proposto como prioridade deixar de financiar investigación que non teña un impacto sobre a política e sobre a cidadanía, que contribúa a mellorar a calidade de vida das persoas". Pola contra, "o que atopas non son máis que resistencias e resistencias políticas, non desde un só partido do espectro político, senón desde todos eles, non é unha cuestión que se dean máis nuns que noutros, todos presentan o problema de non promover a participación cidadá e de non facer cambios na gobernanza, cando isto é algo que está asumido a nivel europeo e nas sociedades máis avanzadas". No tocante ao cambio climático, resulta fundamental esa participación cidadá na toma de decisións.

Relacionado co anterior, cada vez máis hai "unha promoción das enerxías renovables". No caso concreto de Galicia, "somos moi conscientes desa promoción das renovables, porque xunto a esa promoción xurdiu un movemento antiparques eólicos sobre o que é preciso afondar: por que hai un movemento antiparques eólicos se a xente está a favor das enerxías renovables?". Para García Mira, o que está fallando é "a promoción da participación e a gobernanza colectiva, implicando dende as administracións que toman as decisións á cidadanía". "Non se poden tomar decisións sobre o territorio sen que estas decisións sexan o froito da discusión e o debate sobre cal é o modelo que Galicia quere e cales son os custes reais e os beneficios, e para quen, polo que é preciso contar máis coas organizacións da sociedade civil", explica. Na súa opinión, ás veces nin sequera se trata de que non se soubese transmitir á poboación a información sobre as decisións, senón que "non se quere, porque ao final promover a participación é sentar ao cidadán e ás organizacións da sociedade para discutir nun mesmo plano sobre o seu futuro e o futuro de Galicia". "A análise deste futuro debe ser unha obriga para as Administracións realizala conxuntamente coas comunidades", expón.

García Mira tamén concede que "é verdade que non hai unha medida que sirva para todo o mundo, porque as decisións que teñen que ver coa adaptación ao cambio climático implican, por unha banda, ao medio ambiente, pero, pola outra, implican a persoas, que son moi diferentes se se trata de políticos, de profesores, de científicos, de representantes da sociedade civil... Cada actor nun problema de xestión do medio ambiente ten as súas propias axendas, as súas propias expectativas e a súa propia linguaxe, o que dificulta a colaboración". Así, explica que "pola banda do medio ambiente, a medida que se trata de adoptar pode ser unha medida de carácter xeral, como unha lei de cambio climático que afecte a toda a sociedade, ou poden adoptarse medidas en diferentes niveis de escala: a escala global sería unha lei; a escala intermedia podería ser o deseño na construción dunha cidade e os seus espazos verdes ou o uso da auga, a xestión dos residuos, as canalizacións...; ou pode ser a escala máis pequena, como nunha comunidade de veciños, na que tamén hai que tomar decisións relacionadas coa enerxía e os recursos enerxéticos".

AS EMPRESAS DEBEN AVANZAR NUNHA TRANSICIÓN CLARA CARA AS ENERXÍAS RENOVABLES

Por outra banda, para o catedrático de Economía da Universidade de Vigo (UVigo) Xabier Labandeira está claro que "o sector da enerxía xerada a partir de combustibles fósiles é o que máis está contribuíndo, a través das súas emisións, ao cambio climático". Polo tanto, faise evidente que "temos que reducir as súas emisións", apostando polo camiño da "eficiencia enerxética". E é que "non só necesitamos máis renovables e menos fósiles, senón tamén moita reducción da demanda enerxética ou, alo menos, unha maior optimización da mesma". Pois o certo é que, aínda que a participación das renovables na xeración da enerxía foi en aumento, como afirma a profesora de Economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Regueiro, "o consumo de enerxía primaria segue centrando a forza nas fontes de enerxía fósil", e iso é algo que "non vai cambiar de hoxe para mañá, e non vai ser así porque o noso sistema non está deseñado para que o sexa, e moito menos de inmediato".

Ademais, Regueiro chama tamén a ter en conta que non en calquera lugar se poden desenvolver enerxías renovables, pois, por que se instala un parque eólico nun territorio? A profesora explica que un proxecto eólico desenvólvese cando unha empresa obtén resultados rendibles das medicións que fai sobre un terreo durante alo menos cinco anos, vendo que hai vento suficiente para que lle resulte rendible a explotación industrial dese lugar. E, ademais deses límites económicos, tamén hai límites técnicos, que "non só dependen da velocidade de desenvolvemento da tecnoloxía, senón tamén da xeración de recursos críticos, recursos precisos para poder fabricar os compoñentes dos aeroxeradores, como o cinc ou o aluminio". "Canta menos oferta deses recursos críticos máis vai subir o prezo e un aeroxerador vai ser máis caro de instalar", explica Regueiro.

Neste sentido, e partindo da base de que vai ser imposible rematar xa mesmo co emprego de combustibles fósiles, Labandeira aposta por que as empresas "desenvolvan compensacións ambientais, como pode ser a plantación de árbores, usando a natureza como fonte de compensación das súas emisións". "Unhas emisións netas cero non significan realmente que sexan 0, e haberá sectores que teñan que seguir emitindo gases de efecto invernadoiro, polo que é importante recorrer ás compensacións nestes casos", expón o investigador, que, con todo, chama a non caer na xeralización: "Precisamos preservar esa posibilidade de captación de carbono de forma natural para cousas que realmente sexan inevitables".

Pola súa banda, a Asociación Eólica de Galicia (EGA) alerta de que o sector se atopa actualmente en estado "catatónico" por mor das suspensións de parques por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A patronal eólica galega advirte de que existe "unha redución progresiva histórica" en instalación de nova potencia e xeración. Expón que a potencia acumulada en Galicia en 2010 representaba o 16,3 % de España, pero agora queda no 12,7 %. "Estamos a destruír o tecido empresarial e afogando a implantación de enerxía limpa e renovable", recrimina. "Asistimos impávidos aos multimillonarios investimentos que se anuncian noutras comunidades autónomas", o que compara con que "hai polo menos 32 proxectos industriais en Galicia que demandarán oito teravatios/hora (TWh) de electricidade adicional que debe producirse con enerxías renovables".

A organización eólica avisa de que "a inseguridade xurídica, con medio centenar de proxectos aprobados rigorosamente pola Xunta, pero suspendidos preventivamente polo TSXG e á espera do que diga o tribunal europeo mantennos en estado catatónico". "A lexislación ten que ser clara e sinxela", asevera. "Entre tanto, en Galicia perdemos oito fábricas de aeroxeradores nos últimos dez anos, e xa só quedan dúas. Esta é a realidade que temos en caída libre. Temos un recurso renovable e autóctono que nos ofrece excelentes oportunidades de desenvolvemento industrial, emprego estable e rural, prezos baratos para consumidores e competitivos para as empresas electrointensivas, independencia enerxética, atmosfera moito máis limpa evitando cantidades inxentes de emisións de CO2 e combatendo eficazmente o cambio climático. Con todo, estamos freados, cando estar parados é dar marcha atrás na conxuntura actual", afirma a Asociación Eólica de Galicia.

AS COMUNIDADES LOCAIS E REXIONAIS DEBEN VOLVERSE SOSTIBLES

Finalmente, o terceiro chanzo nesta loita contra o cambio climático, como ben dixemos nun comezo, tamén pasa polas accións individuais que, englobadas, se converten en accións a nivel de comunidade. Neste senso, a profesora de Física e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María de los Ángeles López Aguera, experta en comunidades sostibles que leva case 10 anos traballando coa Unesco na implantación deste tipo de unidades poboacionais en países menos desenvolvidos, onde lograron implicar a máis dun millón de persoas de máis de 100 comunidades diferentes, afirma que "se eles poden vivir en comunidades sostibles, nós tamén". Agora ben, que é exactamente unha comunidade sostible? A experta defínea como "unha comunidade o suficientemente resiliente, capaz de adaptarse aos cambios sen perder os niveis de confortabilidade que acadou", é dicir, en certa maneira é unha comunidade autosuficiente que non precisa de dependencias de terceiros para manterse e funcionar. Pero ollo, porque comunidade sostible non é o mesmo que comunidade enerxética, aínda que tende a confundirse en non poucas ocasións. Unha comunidade sostible tamén implica sustentabilidade no tocante á auga, aos alimentos, á arquitectura e a todos os demais aspectos precisos para a supervivencia humana.

Para López Aguera, o traballo levado a cabo ao longo destes anos dende a Unesco en poboacións máis desfavorecidas pode servir como "unha especie de prototipo para atopar os puntos comúns que poden ter as comunidades sostibles e logo adaptar os non comúns por territorios". E é que, como explica, "a confortabilidade é un concepto que para case todo o mundo quere dicir o mesmo, pero hai outras cousas que requiren adaptación ás características concretas de cada territorio". Lamentablemente, "a cousa non é tan sinxela como dicir que un prototipo idéntico funciona en todos os lugares". Por iso, o que pretenden é "facer unha especie de protocolo de desenvolvemento deste tipo de comunidades". E aínda que poida parecer algo difícil de lograr no mundo capitalista e occidental no que nos movemos, a profesora da USC apunta a comunidades polo estilo que se están desenvolvendo, seguindo un protocolo semellante, pero adaptado a cada territorio concreto, en poboacións de Suecia, Irlanda, Portugal ou Rumanía, con maior ou menos éxito.

A base, segundo apunta a investigadora, é "evitar a obsolescencia programa, esa sensación de que estamos absoluta e totalmente espidos ante a tecnoloxía, de que non temos capacidade para manexala nin xestionala". Pon o exemplo dos teléfonos móbiles, aparellos que a maior parte das persoas non saben nin como crear nin como arranxar. Neste punto, trae a colación outro concepto importante: a innovación frugal, que consiste no "desenvolvemento de tecnoloxías localmente, mesmo co emprego de materiais locais e baseadas na economía circular, logrando dar á poboación esa capacitación que permite que haxa dentro da comunidade persoas que saiban xestionalas". Actualmente asegura que xa hai teléfonos que foron creados a partir de innovación frugal. Do mesmo xeito, exemplifica que hoxe en día hai comunidades que pensan que ser sostibles é instalar varios paneis solares, pero trátase de paneis que non saben nin como funcionan nin como xestionar ou arranxar. "A innovación frugal tamén consiste en plantexar estratexias que che permitan non depender do externo, tecnoloxía non cautiva, tecnoloxía apropiada, é dicir, da que as persoas se poidan apropiar ao coñecer o seu funcionamento e proceso de creación de comezo a fin", expón López Aguera.

Así, preguntada por que cre que actualmente non existen máis comunidades deste estilo ou por que a xente sente rexeitamento cara elas, a profesora da USC alude a unha causa común: "Hai moita desinformación, e iso é culpa de todos". E lembra que, aínda a día de hoxe, hai aldeas enteiras no rural galego que teñen o seu propio sistema de xestión de agua, chegada dun manancial, polo que algúns dos conceptos de comunidade sostible "son algo que non nos queda tan lonxe". O problema radica en que "nesas aldeas os veciños contan cunha información adecuada, precisa, suficiente e non sesgada sobre o funcionamento do sistema, información que non toda a sociedade ten". López Aguera tamén concede que, a nivel enerxético "a cousa pode semellar máis complexa, porque todos nacimos nun mundo no que ao tocar un botón se acende a luz, e no que cando hai un fallo na mesma se chama á compañía eléctrica", pero asegura que, do mesmo xeito que coa auga, "isto acontece porque non temos unha información suficiente sobre este recurso e o seu aproveitamento, e porque mesmo nos xeraron medos incapacitandes, nos que semella que se tocamos algo que non debemos intentando arranxar nós mesmos a luz, vai pasar algo terrible".

Sen embargo, para a experta en comunidades sostibles, Galicia ten unha vantaxe moi grande con respecto a outros territorios: "Non nos queda tan lonxe ese tempo no que gozamos de comunidades sostibles e mesmo hai lugares nos que a información precisa para selo non se perdeu, polo que poderiamos recuperala facilmente". Para facelo, considera que un bo punto de partida e o motor que impulse esas comunidades ao longo do territorio galego poderían ser as comunidades de montes, porque "gozan dese concepto comunitario, cooperativo, pois están acostumadas a xestionar comunitariamente diversos aspectos, e poderiamos aprender moito da súa forma de facelo". Ademais, lembra que a maior parte da xente "se guía polo boca a boca e, cando ve que ao seu veciño lle vai vén cun sistema, tende a imitalo, polo que se as comunidades vén que hai comunidades sostibles que funcionan, poden interesarse por seguir os seus pasos". E considera que, "a sociedade quere, cada vez máis, manexar a súa propia contorna e a súa propia vida, convencida de que os que están arriba (os poderes) non lles van representar no tocante ás súas necesidades, vendo como toman decisións que non sempre son as mellores para eles". 

Luz
Luz | Fonte: Jesús Hellín - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta