Por E.P. | PONTEVEDRA | 10/10/2024 | Actualizada ás 16:45
O Concello de Pontevedra aprobou o contrato por 1,6 millóns de euros para a celebración na cidade dos Premios Feroz nos anos 2025 e 2026.
O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, informou deste acordo nunha comparecencia celebrada este xoves para dar conta dos asuntos abordados na xunta de goberno local.
O goberno de Pontevedra asinou este acordo coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), que organiza a entrega destes galardóns.
O convenio ten un custo de 800.000 euros por ano e cubrirá toda a programación relacionada cos Premios Feroz, incluíndo as diferentes proxeccións, talleres e actividades que se organizarán ao redor da gala de 25 de xaneiro.
O alcalde asegurou que este tipo de eventos colocan "no mapa do mundo a Pontevedra" e sinalou que un estudo que manexa o goberno local, feito pola empresa Onclusive, sinala que os resultados de promoción "están a ser espectaculares".
Atendendo a cifras de edicións pasadas, a gala celebrada en Zaragoza contou cunha repercusión "valorada en máis de 57 millóns de euros", segundo informou o alcalde.
O rexedor pontevedrés entende que "non hai diñeiro" para pagar este tipo de promocións publicitarias, máis aló do "retorno económico" que espera veña da man da propia programación e da propia gala para a cidade.
DANOS BORRASCA KIRK
Nesta mesma rolda de prensa, o alcalde sinalou que o o concello está a estudar os danos producidos pola borrasca 'Kirk' en todo o municipio para pór en marcha os contratos de emerxencia necesarios para as tarefas de retirada, reposición e reconstrución.
Este temporal deixou danos "diversos e importantes", como a caída de cen árbores só na contorna urbana de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.