A Xunta denuncia que o Goberno rebaixa o papel de Galicia como representante das CCAA na COP29

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, manifestou o seu malestar pola decisión do Goberno de "relegar a un segundo plano" a participación de Galicia no cónclave a nivel europeo do 14 de outubro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2024 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Xunta acusou ao Goberno de "rebaixar o papel" de Galicia como representante das comunidades autónomas na preparación da postura de España de cara á celebración do Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE, última cita preparatoria da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP) de novembro en Bakú (Acerbaixán).

Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación, de forma telemática, no Consello Consultivo de Política Ambiental para Asuntos Comunitarios, convocado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Alí, segundo recolle un comunicado da Xunta, Vázquez manifestou o seu malestar pola decisión do Goberno de "relegar a un segundo plano" a participación de Galicia no cónclave a nivel europeo do 14 de outubro, no que a conselleira sería a encargada de expor a postura das comunidades autónomas en asuntos como medio ambiente, clima ou transición enerxética.

Para a representante do Executivo galego, o Goberno "reduce o protagonismo" das comuidades "e, particularmente, o de Galicia" ao ser quen defenderá a postura común de España nos preparativos da COP29.

Ángeles Vázquez censurou esta decisión cando "foi o Executivo galego" quen "asumiu o impulso e elaboración do documento" sometido a debate este xoves no órgano de coordinación entre Goberno e comunidades.

Este documento recolle "o firme compromiso" de "alcanzar a neutralidade climática a través de políticas que fomenten a eficiencia enerxética e a redución do consumo, a descarbonización dos procesos produtivos e a implantación da economía circular, así como o de contribuír á consecución dos obxectivos adquiridos no Acordo de París de 2015 para combater o cambio climático".

Por tanto, lamentou que a Xunta "non vaia ter a oportunidade de culminar o traballo realizado como coordinadora defendendo a postura común de todas as comunidades de face á celebración deste cume".

Así pois, rexeita que se lle ofreza unha exposición "simbólica" de "apenas un minuto para defender ante os ministros europeos un asunto de carácter internacional e no que, por tanto, non procede un portavoz autonómico".

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez. MONICA ARCAY / XUNTA / Europa Press
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez. MONICA ARCAY / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

E sorpréndeste Ángeles? Ti sabes o que é o IPCC? e os CFC? Por non falar do CO2, que debes pensar que é o novo modelo que sacou Audi..